Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

O PP de Guitiriz propón ampliar a casa do Concello no lugar de reformala

Por 28 Xaneiro, 2020Sin comentarios

O Grupo Municipal Popular de Guitiriz propón a ampliación, en lugar da reforma, das dependencias municipais na Casa Consistorial cun investimento de 40.000 euros”.

O voceiro, Xosé María Teixido, defende “unha ampliación” e non “unha reforma dos espazos existentes tal e como pretende o goberno do PSOE”. Nesa liña, critican que “ata agora non coñecemos o contido do proxecto nin se existe sequera”.

O popular sinala que “dende o Grupo Municipal do PP exporemos na vindeira sesión plenaria as nosas propostas para que se estude o fondo edificable permitido polas normas subsidiarias municipais de cara a coñecer a posibilidade de ampliar a traseira da Casa Consistorial”. Nese sentido, explica Teixido que “a ampliación consistiría na construción duns piares axeitados na parte baixa en consonancia co estilo arquitectónico do edificio e na construción das correspondentes ampliacións que permita a normativa tanto no primeiro coma no segundo andar”.

Para os populares este sería “un proxecto de futuro para as vindeiras xeracións” que “cubriría as necesidades de espazo no ámbito administrativo tanto presentes coma futuras” e “cun investimento que pouco máis vai costar ás arcas municipais”.

Teixido agarda “que se teñan en conta as nosas consideracións, igual que as dos distintos grupos da cámara municipal guitiricense, elixidos democraticamente polos nosos veciños e veciñas”.