Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

Guitiriz delimita un Área de Rehabilitación Integral para Os Vilares e O Buriz

Por 30 Xaneiro, 2020Sin comentarios

O goberno local do Concello de Guitiriz levará hoxe, xoves 30 de xaneiro, ao pleno unha proposta para a delimitación dun área de rehabilitación integral (ARI) nas parroquias de Os Vilares e O Buriz.

Previamente levouse a cabo un traballo de documentación para identificar as vivendas e espazos públicos con máis necesidade e interese para a súa rehabilitación. Este proceso afectará a 7 núcleos entre Os Vilares (As Reixas, Drada, Vilariño dos Cregos e Casanova de Vilariño) e O Buriz (Ventisca, Forxa e Carelo).

Despois da aprobación no pleno o Concello remitirá esta documentación á Xunta de Galicia para que o Instituto Galego da Vivenda e Solo poida proceder á súa aprobación e, unha vez aprobado o ARI, os veciños e veciñas poderán optar a unha serie de axudas para a rehabilitación das vivendas nas que residan.

As obras subvencionables poderán ser: reparación de fachadas e cubertas, mellora de salubridade, mellora de illamento, mellora de accesibilidade, mellora enerxética, cambio de ventás e eliminación de radón.

Unha vez aprobado o ARI o Concello de Guitiriz creará unha oficina técnica para axudar aos veciños a tramitar as súas solicitudes de rehabilitación.