Skip to main content
ActualidadePol TERRACHÁXA

A residencia de Pol celebra o Día da Paz coa visita do presidente da Deputación

Por 31 Xaneiro, 2020Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, celebrou o Día da Non Violencia e a Paz cos usuarios e usuarias do Centro de Atención a Maiores da institución provincial en Pol. Completa así a rolda de visitas ás residencias que forman parte da rede asistencial pública que a institución ten en marcha na provincia –Pol, Trabada e Ribadeo- e tamén á da Fonsagrada, que abrirá no mes de febreiro.

“Este centro forma parte dun proxecto ambicioso, pero necesario para afrontar os principais retos que temos por diante: o envellecemento e a perda de poboación no rural”, explicou o Presidente no centro polense, onde estivo acompañado pola deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, e o alcalde do municipio, Lino Rodríguez.

“Gracias ao traballo de moita xente, dos que estamos hoxe aquí e dos responsables da Deputación que nos precederon nesta tarefa, creo que conseguimos que as nosas residencias sexan, senón un fogar, o máis parecido a un fogar. Fogares que funcionan gracias ós usuarios e ós traballadores, pero tamén ós familiares. Funcionan con calidade, nunha busca de mellora continua para a comodidade e benestar das persoas que residen neles. Traballamos para fomentar a autonomía, o envellecemento activo, o desenvolvemento persoal e a integración social”, subliñou José Tomé.

O presidente coñeceu aos usuarios, familiares e traballadores do centro de maiores de Pol e participou nas actividades preparadas por eles para conmemorar o Día da Non Violencia e a Paz, que se celebra o 30 de xaneiro, no aniversario da morte do líder pacifista Mahatma Gandhi. Cada usuario escribiu unha frase relacionada coa paz nun papel e logo botárono nunha caixa do correo colocada nas instalacións de xeito simbólico. Antes de visitar o Centro de Atención a Maiores, o Presidente da Deputación aproveitou para manter unha reunión co Alcalde de Pol, co que tratou asuntos de relevancia para o municipio.