Axencia de colocación

A Deputación investirá case 180.000 euros na contorna da Granxa Experimental de Leite

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou o proxecto e a contratación dunha obra de mellora do firme da contorna da Granxa Experimental de Leite que a institución está a construír na Granxa Gayoso Castro, en Castro de Rei, de acordo cun convenio asinado coa USC. Así o anunciou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, que explicou que estes traballos, cun orzamento de preto de 180.000€, “supoñen unha mellora do proxecto da Granxa Experimental, coas que practicamente quedará finalizado o conxunto da obra”.

O proxecto consiste no formigonado de 5.000 m2 de superficie, que agora mesmo é de zahorra, “un pavimento que é permeable e ante as copiosas choivas das últimas semanas percibimos que se asolaga con facilidade, unha situación que se ve deteriorada tanto polo tránsito de vehículos pesados como de maquinaria agrícola. Temos que ter en conta, ademais, que a Granxa Experimental vai acoller a estudantes e profesores e, nestas condicións, non é práctico traballar”, apuntou.

Ademais da pavimentación, estas obras tamén contemplan dotar as instalacións de evacuación da auga de choiva e de conducións de saneamento de pluviais. O proxecto ten un prazo previsto de execución de 8 semanas dende o inicio das tarefas, sempre e cando as condicións meteorolóxicas sexan favorables.

Por outra banda, na Xunta de Goberno deste venres tamén se acordou o inicio do procedemento para a resolución do contrato coa empresa adxudicataria do servizo de limpeza dos distintos edificios e dependencias da Deputación de Lugo, Tempo Facility Services SL. “Esta empresa presentou concurso de acredores e foille autorizado pola autoridade competente. Este é un motivo de resolución de contrato, por iso é agora cando podemos iniciar o procedemento para extinguir a relación contractual coa empresa, tal e como sempre dixemos publicamente e ás propias traballadoras”, indicou García Porto.

Unha vez que sexa firme a resolución do contrato, “faremos un encargo con carácter provisional a outra empresa, que podería ser Tragsa, como medio propio da Deputación, mentres se desenvolva a tramitación do novo concurso para adxudicar outra vez o servizo, sempre coa prioridade e co compromiso de garantir en todo momento os dereitos laborais e salariais aos 26 traballadores e traballadoras deste servizo, tal e como nos temos comprometido e como lles anunciou o Presidente nunha reunión que tivo con eles”, asegurou a voceira socialista do Goberno.

Conservación de estradas
Por outra banda, iniciouse o expediente de resolución do contrato do servicio de conservación da zona 4 da rede viaria provincial, que fora adxudicado á empresa Nexia Infraestrutura SLU. A voceira socialista do Goberno explicou que “esta empresa presentou o pasado martes, 28 de xaneiro, unha comunicación na que indica a non dispoñibilidade de medios para a execución deste contrato, por iso se toma esta decisión, e tamén acordamos que sexa a empresa encargada da zona 8 a que dea cobertura a esta zona para dar resposta a calquera incidencia sobrevida que afecte á seguridade viaria desta zona”. Este encargo é provisional, mentres non se adxudique de novo o servizo de conservación da zona 4, que se corresponde cos concellos de Monterroso, Antas de Ulla, Portomarín, O Páramo, Sarria, Paradela, Guitiriz, Begonte, Friol, Guntín e Palas de Rei.

Etiquetas