Skip to main content
ActualidadeVilalba

Cogami imparte un curso en Vilalba dirixido a persoas con discapacidade

Por 4 Febreiro, 2020Sin comentarios

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) vén de iniciar un curso de Informática básica que se imparte nas instalacións da Autoescola Vilalba.

Esta formación, que financia a Consellería de Política Social e o Fondo Social Europeo, consta de 100 horas lectivas que se imparten ata o día 28 de febreiro, en horario de 9 a 14 horas, e está dividida nos seguintes módulos: Microsoft Word 50 horas e Microsoft Excel 50 horas.

O curso inicia con 8 persoas, 4 mulleres e 4 homes, todas elas con certificado de discapacidade do 33% como mínimo, con idades comprendidas entre os 21 e os 59 anos, que proceden dos concellos Vilalba (5), Guitiriz (1), Xermade (1) e Muras (1). O obxectivo xeral desta acción formativa é coñecer a nivel usuario o funcionamento básico dun ordenador executando instrucións sobre as aplicacións máis comúns de ofimática e internet.

A maioría das persoas que forman parte do curso traballaron anteriormente en sectores diversos como hostalería, gandería, construción, limpeza e coidado de persoas.

Cogami proporciónalle ao alumnado as destrezas profesionais que lle permitan un rendemento competitivo no mercado de traballo, co fin de acadar a plena participación social e laboral. Todas as persoas que iniciaron este curso estaban apuntadas no servizo de emprego que ten Cogami, un servizo que conta arestora con 219 persoas inscritas na comarca de Terra Chá.