Bonos consumo Vilalba

Unha vintena de colectivos participou na xornada en defensa do territorio de Santaballa

O Sindicato Labrego Galego celebrou esta fin de semana no local social da Liga Santaballesa o primeiro Encontro Nacional para a Defensa da Terra, onde se citaron organizacións e colectivos que, dunha maneira ou outra, loitan contra o acaparamento de terras na Galiza. Así, ademais do SLG, participou máis de medio cento de persoas, moitas das cales representaban a colectivos como Asociación Cultural O Iribio, Asociación de Afectados polas Louseiras do Val do río Baos, Asociación Petón do Lobo, Auga Limpa Xa!, Coluna Sanfins, Comisión das Minas da Terra Chá, Comisión de Seguimento da Minaría e Defensa do Rural de Mesía-Frades, Comunidade de Montes de Tameiga, Contraminacción, Instituto Galego de Terras Comunitarias, Mina Touro O Pino Non, Non Eólicos Ordes, Salva la Selva, Salvemos a Comarca de Ordes, Salvemos as Fragas de Catasós, Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, Verdegaia e Véspera de Nada.

A xornada Nacional en Defensa da Terra comezou coas intervencións de Margarida Prieto Ledo, coordinadora do SLG na Terra Chá; e de Isabel Vilalba Seivane. Da súa introdución, tiráronse datos preocupantes, como o feito de perdermos, nos últimos trinta anos, o 20% da nosa superficie agraria útil, unhas 150.000 hectáreas. Hoxe, Galiza ten unha das porcentaxes máis baixas da UE de terra agraria: menos do 22%, fronte a unha media comunitaria que se achega ao 40%. Os expertos din que, para termos un sector lácteo competitivo, deberiamos mirar o exemplo de Irlanda. Non lles falta razón, pero acontece que máis do 70% do territorio irlandés é superficie agraria. Pola contra, en Galiza, a superficie dedicada a eucalipto duplicouse dende 1986, pasando 425.000 hectáreas.

“Entre as novas ameazas para a terra na Galiza estarían aquelas ligadas ao xa coñecido como o capitalismo verde e a produción de enerxías supostamente limpas: a proliferación de parques eólicos, a extracción de minerais ligados á substitución do petróleo por electricidade (cobre, litio, terras raras, etc.) ou a construción da maior planta de biomasa de España en Curtis da man de Greenalia son tres bos exemplos. Este último caso fai temer que se intensifique aínda máis o cultivo de eucalipto para fornecer de materia para queimar e, en canto aos eólicos, as previsións apuntan a que, en breve, Galiza chegará a ter 187 parques con 4.000 Megavatios de potencia”, explicaron.

Ademais do acaparamento de terras, Isabel Vilalba tamén chamou a atención sobre a degradación da que queda. “A deficiente xestión dos refugallos, como o xurros da gandería industrial ou os lodos de depuradora, están creando un problema ambiental de proporcións aínda descoñecidas e contaminando con tóxicos amplas superficies do territorio e os recursos hídricos da Galiza. A isto habería que engadir o problema da desertización, con máis do 40% do solo galego degradado polos incendios, os eucaliptos e a escasa achega de materia orgánica á terra que favorece a súa erosión”, dixo.

Finalmente, a secretaria xeral do SLG sinalou como colaboradora e instigadora necesaria de todo este proceso á propia Xunta de Galicia gobernada polo Partido Popular. “O seu apoio incondicional e activo ás diversas formas de acaparamento de terras ten a súa mellor expresión nas diversas leis que creou ou nas que está a traballar para facilitar o acaparamento de terras: a Lei de Fomento de Actividades Empresariais, máis coñecida como Lei de Depredación; ou a Lei de Avaliación Ambiental, coñecida como Lei de Prevaricación, son a expresión disto último”, recalcou.

Posteriormente, as persoas participantes traballaron en grupos cuxa temática deixa constancia das diversas frontes nas que se expresa o acaparamento de terras na Galiza: minaría, parques eólicos, forestación de terras agrarias e monocultivos forestais para biomasa e produción enerxética, urbanismo e infraestruturas, gandería industrial e, finalmente, un grupo mixto para analizar outras formas menos coñecidas de usurpación do territorio.

O traballo continuou pola tarde coa intención de plasmar todas as ideas debatidas en propostas de acción concretas ao redor de catro eixes: a necesidade de que a sociedade galega reciba información transparente e veraz sobre este tema, a posta en marcha de políticas orientadas ao cumprimento dun modelo de ordenación territorial, a simbiose entre os modelos produtivos e de consumo para que sexan acordes coa protección da terra e, como non podía ser doutra maneira, as diversas formas de mobilización social para acadar todo isto.

Etiquetas