Enquisa Mobilidade

O CIM das Pontes rexistrou 1.447 consultas no ano 2019

O Centro de Información á Muller (CIM) do Concello das Pontes rexistou, durante o ano 2019, 1.447 consultas, un 34% máis que o ano anterior, cifra que se traduce en 195 mulleres atendidas.

Un total de 129 consultas corresponderon á área xurídica e 1.290 á área psicolóxica e dirección do CIM. No caso da área xurídica, a maior parte das consultas estiveron vencelladas co dereito de familia (réxime económico matrimonial, divorcios, unións extramatrimoniais) e o dereito civil (herdanzas e sucesións, vivenda, alugueiro ou incapacitacións)

As consultas relacionadas cos permisos de residencia, a calificación da discapacidade ou as condicións laborais tamén ocuparon un lugar destacado xunto coas consultas relacionadas coa violencia de xénero e a prestación de xustiza de balde.

Polo que respecta á área psicolóxica, a atención prestada centrouse en terapias e seguimento psicolóxico, tanto individuais como en grupo, terapias coa parella asi como na atención a mulleres vítimas de violencia de xénero.

O traballo desta área estivo encamiñado a realizar un diagnóstico da situación persoal das usuarias e facer un seguimento personalizado para, desde diferentes ámbitos, ofrecer solucións ós problemas polos que acudiron ó CIM, ofrecéndolles unha intervención integral.
O servizo, no que actualmente traballan unha psicóloga e unha avogada, ten como obxectivo prioritario a promoción da igualdade e a loita contra a violencia de xénero e así, xunto coa atención directa, desde o CIM puxéronse en marcha diferentes actividades informativas e formativas de cara á sensibilización da veciñanza no principio de igualdade e a prevención da violencia de xénero en todos os ámbitos.

Obradoiros dirixidos ao alumnado do segundo e terceiro ciclo de Educación Primaria sobre estereotipos de xénero para facer reflexionar ás/aos menores sobre conceptos como a igualdade, elaboración dunha reportaxe, en colaboración coa concellería de Medios Locais e as escolas deportivas municipais, para sensibilizar á rapazada sobre as desigualdades reais e en contra da violencia machista, charlas sobre a endometriose, madurez e sexualidade, obras de teatro, taller de memoria, obradoiro de pilates para embarazadas, campamentos de concilicación familiar foron algunhas das actividades postas en marcha desde o CIM durante o ano 2019.

Entre as máis de 30 actividades promovidas e apoiadas polo CIM tamén destacan a posta en marcha da campaña “En negro contra as violencias”, unha charla sobre o acceso da muller á lectura e á escritura da man de Aurora Marco, unha charla coloquio, con motivo do Día Mundial da Muller Rural, orientada a visilibizar a importancia do traballo feminino no ámbito rural e económico na comarca do Eume, curso de formación en materia de violencia de xénero dirixido á Policia Local, Protección Civil e axentes da Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero, exposicións fotográficas e bibliográficas, carreira solidaria de San Xosé así como a elaboración de material de sensibilización en materia de igualdade e violencia de xénero.

Etiquetas