Skip to main content
Actualidade

Outeiro de Rei celebra un curso sobre alimentación saudable

Por 12 Febreiro, 2020Sin comentarios

O Concello de Outeiro de Rei, a través da Escola Galega de Saúde para os Cidadáns dependente do Sergas, organiza un obradoiro sobre alimentación saudable, que ten como obxectivo coñecer os distintos modelos e características dun patrón alimentario saudable e desenvolver destrezas e habilidades para poder realizar eleccións saudables relativas á adquisición e preparación de alimentos.

O curso desenvolverase no salón de actos da casa da cultura de Outeiro de Rei o 28 de febreiro, venres, entre as 16.00 e as 20.00 horas e estará cargo de Olga Roca Bergantiños, enfermeira supervisora da área sanitaria de Lugo.

Dirixido a persoas usuarias, familias, coidadores e cidadanía en xeral o curso centrarse no papel dos hábitos alimentarios no crecemento e desenvolvemento; na saúde e na prevención da enfermidade, recomendacións para unha alimentación saudable e orientación para ler as etiquetas de nutrición.

As persoas interesadas deberán realizar a súa inscrición na web Escola Galega de Saúde para os Cidadáns. Tamén poden recibir máis información ou tramitar dita solicitude na casa da cultura de Outeiro de Rei ou no tfno 982 393 408.

Esta actividade está incluída dentro da Programación de Actividades de Promoción da Muller 2020 e está aberta á participación de calquera persoa interesada.