Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

Sogama dota de novos composteiros a Guitiriz

Por 12 Febreiro, 2020Sin comentarios

Co fin de avanzar na senda da economía circular a través da prevención de residuos e a reciclaxe, o Concello de Guitiriz, adherido desde fai anos ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, solicitou a axuda desta empresa pública para potenciar a recuperación da materia orgánica en orixe e estendela a novas familias.

En Guitiriz serán 30 os composteiros a subministrar por esta empresa pública facendo posible que 30 novos fogares se sumen á autocompostaxe.

A dotación de composteiros, de 400 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, irá acompañada pola entrega de manuais didácticos editados por Sogama a fin de que os veciños participantes nesta iniciativa poidan coñecer con máis detalle o proceso e solventar dúbidas.

Desta forma, e sumando partidas anteriores, Guitiriz contará xa con 80 composteiros cedidos de forma gratuíta por Sogama.

En ambos casos, o obxectivo dos entes locais é contribuír á protección do medio ambiente e ao aforro de custos a través da reciclaxe da materia orgánica, evitando que o 42% dos residuos orgánicos que conforman unha bolsa de lixo doméstico tipo acabe no contedor verde convencional. Con isto propíciase unha diminución na frecuencia de recollida e transporte do lixo e, polo tanto, de emisións de CO2 á atmosfera, á vez que se aforran custos.

Adicionalmente, todos os interesados teñen á súa disposición unha páxina web específica www.compostaconsogama.gal na que se dan conta de todos os detalles da técnica de autocompostaxe,  ademais de ofertar recursos de gran utilidade tales como vídeos, folletos, xogos, etc.

Un total de 70 entidades da provincia de Lugo, entre Concellos, centros educativos e colectivos sociais, forman parte do programa de compostaxe doméstico de Sogama, tendo repartido entre as mesmas preto de 2.900 composteiros.