Skip to main content
Actualidade

Unha empresa de Castro recibe financiamento no seu proceso de dixitalización

Por 14 Febreiro, 2020Sin comentarios

A Consellería de Economía, Emprego e Industria favoreceu no último ano o proceso de dixitalización de 10 pequenas e medianas empresas (pemes) da provincia de Lugo, que mobilizaron neste cometido investimentos por valor de 262.000 euros. O departamento autonómico financiou a cuarta parte deste orzamento, con achegas que suman 67.000 euros.

Esta convocatoria de axudas impulsa a interconexión dixital entre empresas vinculadas pola súa actividade e a dixitalización dos seus procesos produtivos. Ademais de apoiar a adquisición de equipos e software, as axudas facilitan as colaboracións necesarias para a súa implementación, financiando proxectos colectivos de agrupacións, pemes e iniciativas promovidas a nivel individual.

Entre os apoiados nesta edición do programa -cofinanciado polo Igape e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder)- figuran en Lugo tres pemes do sector agroalimentario, outras tantas de subministros industriais, dúas consultoras, una empresa de formación e outra do sector turístico. Sete delas están situadas no concello da capital, e Palas de Rei, A Pontenova e Castro de Rei acollen unha en cada caso. En Castro de Rei a empresa que participou neste proceso foi Innolact cun investimento de 13.085 euros e unha aportación de 6.010 por parte da administración.

Co mesmo obxectivo de impulsar a transformación dixital do tecido empresarial galego e a Industria 4.0, a Xunta activará nas próximas semanas programas de apoio por preto de 67 millóns de euros, dos que se poderán beneficiar tanto as empresas como os centros tecnolóxicos.

Estas convocatorias -algunhas xa publicadas e outras que se irán abrindo neste primeiro trimestre-, ás que se lles sumarán diferentes iniciativas durante todo o ano, enmárcanse na Axenda Industria 4.0 e na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, as follas de ruta coas que se impulsa a innovación e a competitividade do tecido empresarial galego co obxectivo de crear emprego de calidade.