Comezan as obras na avenida Galicia das Pontes

Hoxe deron comezo as obras de mellora de pavimentos e servizos na avenida de Galicia, Fase III, no tramo comprendido entre a Praza do Hospital e a Ponte de Isabel II.

Os traballos financiados pola Deputación da Coruña, cun orzamento de 227.563,67€ euros, están encamiñados a crear unha rúa na que os peóns gañen relevancia, seguindo a liña estrutural e estética das fases anteriores.

Con tal obxectivo procederase a eliminar o nivel existente entre a estrada e as beirarrúas, substituír a capa de rodadura existente por aglomerado impreso para aumentar a seguridade e comodidade do viario.

Dende hoxe estará prohibido estacionar en ambas marxes da rúa, no tramo comprendido entre a intersección da avenida de Galicia coa rúa Real ata a intersección co Calexón do Trigo. A estrada non se pechará ao tráfico rodado.

O proxecto inclúe a mellora da iluminación coa execución dunha nova canalización eléctrica, instalación de arquetas e o retranqueo das luminarias para realizar unha nova disposición ao tresbolillo así como a instalación de captafaros led nos pasos peonís.

Ademais está prevista a renovación da rede de saneamento en ambas marxes da rúa. Levarase a cabo a conexión das acometidas das augas fecais e as conexións á nova rede de drenaxe das baixantes dos tellados así como a instalación de sumidoiros e a separación da rede de augas pluviais da rede de saneamento.

A terceira fase da avenida de Galicia tamén inclúe instalación de novo mobiliario urbano (papeleiras, xardineiras e bancos) e a sinalización completa do tramo.

Etiquetas