Skip to main content
A PastorizaActualidade

O PP da Pastoriza urxe a reparación da estrada LU-P-1106 ao seu paso por Xemil

Por 17 Febreiro, 2020Febreiro 27th, 2020Sin comentarios

O Grupo Municipal Popular da Pastoriza manifestou no pleno a súa preocupación polo estado da vía de titularidade provincial LU-P-1106 ao seu paso por Xemil.

O voceiro dos populares, José Bouso, sinalou que “esta vía que comunica Xemil co Campo do Oso atópase nunha grave situación de deixadez o que supón un problema para a circulación de vehículos que afecta a numerosos veciños e veciñas que fan uso desta estrada que dá acceso a numerosas parcelas das explotacións gandeiras da zona; ademais de ser a principal vía de comunicación do noso municipio con outros limítrofes e con outras estradas de titularidade autonómica ou mesmo a autovía A-8″.

Ante esta situación “que dificulta en moitos puntos a circulación dos vehículos”, os populares defenden a necesidade de actuar de forma urxente nesta estrada “que se atopa abandonada por parte do goberno da Deputación Provincial”.

Bouso explica que “despois de trasladar ao alcalde a nosa preocupación polo estado da vía, o rexedor transmitiunos o compromiso do presidente da Deputación coa aprobación do proxecto de mellora para a súa posterior execución prevista para os meses de abril e maio deste mesmo ano”. É por iso polo que dende o Grupo Municipal do PP “nos manteremos vixiantes e estaremos pendentes de que se leven a cabo estas melloras no prazo previsto”.

Os populares tamén reclamaron ao goberno local acometer actuacións de conservación nos camiños e pistas municipais. O voceiro do PP sinala que “é necesario levar a cabo tarefas de limpeza das cunetas das pistas e camiños que dan acceso ás fincas das explotacións gandeiras para evitar que en épocas de chuvia se estraguen e se volvan intransitables. O goberno local ten que garantir este tipo de servizos que é fundamental para que os gandeiros e gandeiras da Pastoriza poidan realizar o seu traballo nas mellores condicións posibles e non con dificultades”.