Cuba non pode clasificarse para Tokio 2020 na primeira rolda celebrada en Roma

O loitador vilalbés José Cuba quedou fóra dos postos clasificatorios para Tokio 2020 tralo seu paso polos campionatos de Europa sénior que se están a celebrar en Roma e aos que acudía como primeira proba clasificatoria para os Xogos deste ano.

Na disputa dos pesos pesados, que tivo lugar entre o sábado e o domingo, o vilalbés quedou fóra da pugna polas preseas ao perder ante o ruso Baldan Tsyzhipov o pase á lida polo bronce. Cuba, que tras perder en primeira rolda ante o georgiano e multicampión mundial Petriashvili apañara a posibilidade de entrar directamente na loita polos postos de podio na repesca, non foi quen de superar ao ruso que o bateu con certa superioridade.

As prazas olímpicas restantes xogaranse nos próximos torneos clasificatorios que terán lugar a mediados de marzo o primeiro, e finais de abril o último. Non será tarefa doada pois son moitos os loitadores por clasificar e somentes tres prazas dispoñibles.

Etiquetas