Nenos do Mato Vizoso aprenden a importancia de previr o lume

O presidente da Deputación e presidente do Consorcio Provincial de Lugo para a prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, José Tomé, participou nunha xornada de prevención de lumes dirixida a escolares do CEIP Manuel Mato Vizoso no Parque Comarcal de Bombeiros de Vilalba. A iniciativa desenvolveuse nun ambiente lúdico e divertido no que os máis pequenos aprenderon, a través de accións adaptadas á súa idade, a previr e a comportarse de forma segura no caso de que se produza un lume, así como a coñecer a responsabilidade destes profesionais e a importancia da súa labor.

José Tomé explicou que “é moi importante formar aos pequenos da casa dende idades temperás nesta materia, e facelo cos bombeiros do Consorcio Provincial é unha oportunidade moi boa porque poden coñecer o traballo que desenvolven de primeira man e ademais son eles, como autoridade, quen lles explica en primeira persoa como deben comportarse no caso dunha emerxencia”.

Na xornada, que se desenvolveu en dous grupos, participaron 40 rapaces e rapazas de 2º de Primaria do CEIP Manuel Mato Vizoso. Nun primeiro momento realizaron un percorrido polas instalacións, coñeceron o parque móbil e a parte máis teórica transcorreu na aula de formación. O Presidente foi o encargado de entregarlles ao remate da visita un casco de bombeiro e un carné que lles recoñece a asistencia ao curso acreditándoos como minibombeiros.

Esta actividade tamén se realizará en máis parques comarcais que pertencen ao Consorcio Provincial de Lugo para a prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, do que forma parte a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia. Está programada unha nova xornada o vindeiro 16 de abril no Parque Comarcal de Bombeiros de Viveiro, onde o alumnado do CEIP de Celeiro visitará as instalacións e desfrutará dun obradoiro lúdico de prevención de lumes.

Etiquetas