O martes será o día grande do Entroido nas Pontes

A cabalgata de Entroido, organizada polo Concello das Pontes e que se celebrará o próximo 25 de febreiro, repartirá máis de 6.500 euros entre as persoas participantes, como en anos precedentes.

A cabalgata de Entroido partirá ás 17:00 horas da rúa Monte Caxado para realizar, a continuación, un percorrido que discorrerá pola avenida de Ortigueira, avenida de Vilalba, rúa Celso Emilio Ferreiro para finalizar no pavillón polideportivo municipal, lugar onde se efectuará a entrega de premios.

Todas as persoas interesadas en participar no desfile de disfraces poden inscribirse, ata o luns, 24 de febreiro, ás 12:00 horas no rexistro xeral do Concello de As Pontes ou ben a través da dirección web www.sede.aspontes.com.

O concuso establece dúas modalidades para os grupos, en función do número de integrantes. De tal xeito que, os grupos de entre 3 e 9 persoas optarán a premios de 350, 250, 150 e 100 euros mentres que, entre as agrupacións de 10 ou máis membros repartiranse catro premios 500, 400, 200 e 100 euros.

Ademais, o Concello das Pontes premiará ás catro primeiras parellas adultas clasificadas con 175, 150, 100 e 75 euros, respectivamente e, a nivel individual, os adultos que tomen a saída no desfile poderán gañar 125, 100, 75 e 50 euros se se sitúan entre os catro disfraces máis valorados polo xurado.

Como en edicións anteriores, As Pontes tamén premiará aos participantes máis novos e, deste xeito, na categoría infantil haberá sete premios, de 150 euros cada un, para os grupos e outros tantos para as parellas e os participantes individuais, dotados con 75 euros e 50 euros, respectivamente, cada un deles.

Aos premiados nas categorías infantís entregaráselles un vale trocable por libros, material, xogos educativos e didácticos mentres que para os nenos e nenas menores de 8 anos, o premio será un conto.

O xurado terá en conta na súa valoración aspectos como a orixinalidade, o vestiario, a maquillaxe, a calidade musical, a coreografía así como o desenfado na interpretación dos disfraces e o número de compoñentes nos grupos para outorgar os premios ás mellores carrozas, entre 700 e 200 euros para os catro primeiros clasificados.

Etiquetas