A Banda da Loba presenta en Vilalba este sábado o seu novo disco

O Instituto de Estudos Chairegos, continuando coa programación prevista para este ano 2020, organiza un concerto musical a cargo do grupo A Banda da Loba, presentando o seu novo traballo Fábrica de Luz.

O acto, que conta coa colaboración do Concello de Vilalba, terá lugar o sábado 29 de febreiro de 2020, ás 21:00 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba. A entrada será de balde.

A Banda da Loba está integrada por cinco mulleres que decidiron unir as súas traxectorias individuais para dar voz a este novo proxecto, destaca a creación dun repertorio propio baseado tanto en letras da súa autoría como en musicalizacións de poetas célebres ou outros textos tomados dos poemarios de escritoras contemporáneas. Todo isto, baixo un estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do rock, do pop, do folk… e fai do seu repertorio un fantástico caleidoscopio musical.

En decembro de 2017 saíu á rúa o seu primeiro traballo discográfico, Bailando as rúas, no que contaron coa produción musical de Adrián Saavedra e as colaboracións de Guadi Galego e Tanxugueiras. Tras o gran éxito acadado e despois de dar máis de setenta concertos en ano e medio, dentro e fóra do noso territorio, presentan agora o seu novo traballo, Fábrica de Luz.

Etiquetas