O BNG de Outeiro pedirá nunha moción unha piscina pública municipal

O BNG de Outeiro vén de presentar unha moción para este xoves na que solicita que o Concello se poña a traballar para que Outeiro de Rei poida contar cunha piscina municipal e pública durante os meses do verán.

“Dende hai anos, o concello tiña un convenio cun club de Outeiro para usar a súa piscina por parte da veciñanza do concello, pero debido á desidia e desinterese do concello esta piscina entrou nun deterioro que provocou que boa parte dos días do verán estivese pechada por sanidade, dado o mal estado da auga”, explican.

Con estes peches continuados “obrigouse a moitos usuarios deste servizo municipal a ter que desprazarse a outros concellos da comarca para poder desfrutar deste servizo ou ben acudir a unha piscina privada, cos custes adicionais que isto leva consigo”, engaden.

“Todos os que coñecemos o concello de Outeiro sabemos que o número de usuarios potenciais que tería unha piscina municipal pública e ben xestionada sería moi considerable, posiblemente máis que en calquera dos concellos que nos rodea. Aínda así a realidade é que os demais concellos dispoñen deste servizo cunha boa calidade e, na práctica, en Outeiro de Rei carecemos del”, finaliza.

O BNG levará o pleno do próximo 27 de febreiro esta proposta que consiste en que o concello empece o proceso para dotar a Outeiro de Rei cunha piscina municipal e pública a “onde tanto a xente maior coma os nenos e nenas poida acudir durante os meses de verán, sen verse obrigados a usar este servizo nos concello do carón”.

Do mesmo xeito, tamén se insta ao goberno municipal a que mentres que isto non se materialice, “que garanta polos medios que sexa necesario que o conxunto da veciñanza do concello teña acceso a algunha piscina en boas condicións de sanitarias e coas mesmas vantaxes que se fose municipal e pública”.

“Agora é o momento de poñerlle solución a este problema, reservando as partidas económicas necesarias nos orzamentos e planificando o verán con tempo, sen caer na improvisación”, rematou a concelleira Elvira Lombao.

Etiquetas