Axudas a autonomos

A Deputación esixe á Xunta que deteña os recortes no Plan de Camiños

A Deputación de Lugo instará á Xunta de Galicia a deter os recortes que se están a producir no Plan de Camiños e que afectan á provincia, principalmente ao rural. O responsable da área de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé María Arias, explicou no Pleno que a cantidade consignada para as axudas no Plan Marco de melloras de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas para as anualidades 2020 e 2021 en Galicia é de 12 millónes de euros, unha redución de máis dun 25% con respecto as axudas dedicadas na convocatoria do 2018.

“Este novo caso de recortes afecta a todos os concellos de Galicia, e dun xeito especial a aqueles que contan cun marcado carácter rural, como sucede coa maioría dos da nosa provincia. Unha política de recortes que a Xunta ven desenvolvendo dende o ano 2016”, advertiu Arias. O Deputado explicou que “a cantidade anual que perciben os concellos reduciuse en máis dun 70% con respecto ao ano 2016, ó pasar de preto de 20 millóns anuais a só os 6 actuais”.

Os concellos lucenses recibiron 5,3 millóns de euros no ano 2016 para executar obras de melloras viarias. No seguinte plan marco, esa cantidade pasou ser de 4,12 millóns a repartir en dous anos, e dicir so 2 millóns de euros ao ano, unha redución do 63%. E no novo plan marco de 2020-2021, esta cantidade redúcese de novo, xa que os 4,12M€ pasan a ser apenas 3,06M€. Isto é, os concellos de Lugo pasaron a dispor de 5,3 millóns no ano 2016 a ter so 1,5 actualmente. A redución con respecto dos fondos do ano 2016 é do 71,7%. “Deixan esmorecer o rural, cada día pecha unha explotación na nosa provincia e xa se perderon 40.000 empregos no campo nestes anos que levan gobernando en Galicia”, argumentou Arias.

Cos votos de PSdeG e BNG a favor, a Deputación de Lugo insta á Xunta de Galicia a que abandone esta política de recortes e manteña as axudas para traballos de mellora na rede de camiños municipais, nun nivel que permita os concellos acometer as obras necesarias para garantir o bo estado desta rede de infraestruturas fundamental para o mundo rural.

Drons na atención sanitaria no rural
A Deputación tamén elevará á Xunta de Galicia a súa petición para que estenda o uso de drons á atención sanitaria no rural. O Goberno provincial fixo unha proposta, aprobada na sesión plenaria, para que o Executivo autonómico amplíe o servizo que licitou en setembro de axuda aos peregrinos con problemas cardíacos a través de desfibriladores que chegarán mediante dispositivos aéreos non tripulados. O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Ribera, apuntou que este tipo de programa non debe limitarse a actuacións vencelladas ao Camiño de Santiago, senón como unha opción para explorar a mellora na atención sanitaria en caso de doenzas cardíacas ou outro tipo de patoloxías nas que a intervención rápida resulta fundamental.

Estatuto electrotensivo

José Tomé subliñou no Pleno que, gracias ao Goberno socialista liderado por Pedro Sánchez, hai un Estatuto do Consumidor Electrointensivo “sobre o que negociar”. “Agora toca facer unha diplomacia discreta entre todas as partes implicadas para sacar un acordo satisfactorio para todos. É o que defendemos nós e o que piden os traballadores”, asegurou José Tomé.

O mandatario provincial puxo en evidencia que, fronte ao traballo e compromiso dos socialistas, o PP non fixo nada en 7 anos no Goberno do Estado por resolver o problema de Alcoa, nin tampouco nos 11 anos ao fronte da Xunta para impulsar un plan de industrialización para Galicia, aínda tendo as competencias, como establece o Estatuto de Autonomía no seu artigo 30.

O Presidente lembrou que no ano 2012, a por aquel entón delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, prometeu bonificar a tarifa de Alcoa “e nunca se fixo”, e que o ex ministro de Industria, José Manuel Soria, dixo que en xaneiro de 2013 habería un sistema para garantir a competitividade das seis plantas españolas da empresa. “Promesas baleiras”, recalcou Tomé, que lamentou que os populares “tiveron cinco anos para solucionar o problema e non o fixeron. Fíano todo ao mercado cando gobernan, pero claro, cando o mercado golpea e non gobernan, a culpan de todo é dos demais”. Agora, “gracias aos socialistas, si hai un Estatuto Electrointensivo sobre o que negociar”, recalcou. Ademais, lembrou, co Partido Popular en Madrid, o CO2 compensábase con 6M€ e co actual Goberno, con 172M€, lamentando que o PP só fora a Alcoa “a sacar fotos e a facer declaracións incendiarias”.

Pola súa banda, a voceira provincial socialista, Pilar García Porto, incidiu en que o PSdeG pon por riba de todo o intereses dos traballadores de Alcoa, por iso votou a favor da moción dos populares, aínda cando o PP non quixo retirar da mesma “a súa propaganda electoral da Xunta”, ao negarse a quitar do texto da proposta de acordo que as alegacións ao Estatuto do Consumidor Electrointensivo as presenta o Goberno autonómico, pois quen formulou as propostas son os propios traballadores e traballadoras. “Apoiamos a proposta defendendo unicamente e unha vez máis os intereses dos traballadores e traballadoras, e das súas familias, e marcando unha clara distancia co Partido Popular, que tal e como quedou aquí demostrado só antepuxo o nome do señor Feijóo, enmascarado a través da propaganda institucional da Xunta de Galicia”.

O BNG, pola súa banda, reiterou no pleno o seu apoio ás demandas do comité de empresa de Alcoa e da Plataforma das Empresas Auxiliares, que se manifestaron fronte á Deputación para reclamar ao goberno do Estado un estatuto do consumidor electrointensivo que garanta a continuidade dos postos de traballo que xenera a factoría de San Cibrao.

O voceiro nacionalista Efrén Castro ratificou o apoio do BNG ás alegacións presentadas polos sindicatos ao texto proposto polo goberno do Estado o pasado 10 de febreiro e chamou a populares e socialistas a “poñerse ao lado dos traballadores para buscar unha solución ao problema máis serio que afrontou a provincia nos últimos anos”.

O BNG presentou un escrito de alegacións ao Real Decreto proposto polo goberno central que recolle, entre outras medidas, o incremento das contías económicas previstas para as compensacións por CO2 indirecto ata o límite autorizado por Bruxelas e a bonificación do 100 por cento da peaxe de transporte para os consumidores de comunidades productoras excedentarias de enerxía eléctrica, como é o caso de Galiza.

O PP corríxese e asume as demandas do BNG ao Estado

O pleno provincial tamén aprobou por unanimidade unha moción que insta ao Estado a aboar a débeda pendente con Galiza. Ademais de demandar o ingreso do IVE non liquidado de 2017, a proposta reclama ao Estado o pago dos incentivos pendentes polo cumprimento dos obxectivos fiscais – 170 millóns de euros-.

O Partido Popular corrixiu así a postura manifestada no Congreso dos Deputados o pasado 13 de febreiro cando rexeitou unha emenda do BNG solicitando esta segunda contía. Nesta rectificación puxo o acento o voceiro do BNG, Efrén Castro, quen lle afeou ao PP que se sumara a esta demanda en campaña electoral. “Leccións en relación con isto non nos vai dar o Partido Popular”, remarcou Castro quen recordou que “a débeda do Estado era consecuencia dunha lei aprobada polo PP, co aplauso de Núñez Feijóo”.

Etiquetas