Skip to main content
ActualidadeVilalba

Vilalba ampliará o parque infantil da praza da Constitución

Por 27 Febreiro, 2020Sin comentarios

O goberno de Vilalba vén de informar que ampliará o parque infantil situado na parte superior da praza da Constitución, creando un espazo adaptado a todas as idades e necesidades de nenas e nenos. O obxectivo que se persegue é o de colocar xogos inclusivos e adaptar esta zona á normativa vixente en materia de parques infantís, ademais de renovar o pavimento e ampliar o espazo.

En concreto, o proxecto recolle a renovación e colocación de pavimento amortiguador de seguridade, a retirada e recolocación dos xogos infantís existentes, a supresión de elementos de risco e a colocación de novos xogos homologados. Tamén se contemplan bancos de madeira e un peche perimetral que impida a saída accidental dos pequenos e pequenas sen a vixiancia da persoa adulta a cargo.

“É importante que se dispoñan xogos para todas as idades e circunstancias vitais, respectando as áreas de seguridade e adaptando os parques ás necesidades da infancia e das familias”, afirman desde o goberno, engadindo que “encargamos este proxecto porque seguimos a liña de xerar espazos pensando nas persoas e no desenvolvemento didáctico e creativo das nenas e nenos”.