A Xunta destaca a inversión feita en Xermade

O voceiro do Grupo Municipal do PP de Xermade, Antonio Riveira, fixo balance dos investimentos que o goberno galego dirixiu ao municipio nunha reunión de traballo co delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro. “A Xunta de Galicia dirixiu máis de 2,8 millóns de euros a Xermade durante o 2019, é dicir, o investimento da administración autonómica foi superior ao orzamento municipal”, asegura o popular.

Riveira pon en valor estas importantes achegas para o noso municipio en diversos eidos coma a política social, os servizos aos veciños, as axudas ao emprego e, especialmente, o apoio ao medio rural. Con todo, recorda que “a cifra de investimentos do goberno galego en Xermade é maior se temos en conta que a Xunta sufraga os principais servizos públicos de titularidade autonómica cos que conta o municipio como son o colexio ou o centro de saúde”.

O voceiro dos populares destaca especialmente “unha destacada partida orzamentaria que a consellería de Política Social dirixe a Xermade para sufragar o servizo de axuda no fogar que permite aos nosos dependentes recibir atención no seu propio domicilio”. Con este fin, a Xunta proporcionou ao Concello preto de 345.000 euros.

O Concello de Xermade recibiu con cargo ao Fondo de Cooperación Local máis de 183.000 euros que permiten acometer as obras que se consideren oportunas ou prestar aos veciños os servizos máis axeitados. E, en materia de medio ambiente, a Xunta achegou preto de 33.000 euros para o servizo de separación da fracción orgánica dos residuos municipais e preto de 10.000 euros para o acondicionamento da ruta de sendeirismo entre Trimaz e Cabreiros.

Ao ámbito do emprego, o goberno galego dirixiu a Xermade preto de 54.000 euros dos que se beneficiou, principalmente, o Concello; pero tamén recibiron axudas autónomos e asociacións. A administración local recibiu máis de 12.700 euros para a contratación dun traballador perceptor da Risga e 26.300 euros para a contratación de dous traballadores co programa Aprol Rural.

“Outras achegas da administración autonómica no noso concello dirixíronse ao cambio de caldeira e á substitución da carpintería exterior do centro de saúde, á reforma da instalación eléctrica do CEIP de Xermade ou ao equipamento de locais culturais. Tamén recibiron financiamento da Xunta o programa Xermade Concilia e outros programas no ámbito da igualdade entre os que o goberno galego apoia o fomento do asociacionismo e a participación de mulleres. E a agrupación de voluntarios de Protección Civil tamén recibiu unha subvención para o seu funcionamento”, asegurou Riveira.

Medio rural
Riveira pon en valor o medio rural e o esforzo dos seus traballadores que se ve apoiado con axudas directas a agricultores e gandeiros que supuxeron máis de 1,4 millóns de euros para as explotacións xermadenses. A estas hai que engadir outras axudas puntuais para pequenas explotacións, novas incorporacións ou para financiar plans de mellora; pero tamén as axudas do GDR para o desenvolvemento de proxectos públicos e privados ou o apoio ao Concello para a mellora de camiños ou para loitar contra os incendios forestais. Con este mesmo fin foi beneficiada unha comunidade de montes para acometer desbroces. No seu conxunto, as achegas en relación ao medio rural do municipio supuxeron un investimento de máis de 2 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia.

Etiquetas