Guitiriz prepara ‘A Revolta de Marzo’ para conmemorar o Día da Muller

A Revolta de Marzo está a piques de comezar. Este é o nome que decidiu darlle o Concello de Guitiriz á súa campaña de actividades para conmemorar o Día da Muller, que ten lugar o 8 de marzo.

Desde esta mesma semana comezarán a levarse a cabo actividades e obradoiros relacionados coa igualdade e exaltando a figura da muller, que terán o seu cénit o 8 de marzo coa manifestación convocada para conmemorar o Día da Muller, que sairá ás 12 horas do campo da festa e na que se lerá un manifesto, haberá música, caracterizacións…

As accións iniciaranse este venres, 28 de febreiro, coa presentación do libro ‘En Guitiriz Sementamos Igualdade’ ás 19 horas na Casa Habanera. O Concello repartirá 1.000 exemplares deste manual de boas prácticas destinado a que a cidadanía dispoña de suficientes recursos na súa vida cotiá para abordar situacións nas que se producen a desigualdade e a violencia de xénero.

Por outra banda, tódolos luns de marzo de 17 a 18 horas levaranse a cabo na Aula Cemit municipal uns seminarios online titulados ‘Muller e Igualdade’. Trataranse temáticas como a sensibilización en igualdade de oportunidades, a mensaxe e a linguaxe igualitarias, o empoderamento…

Para o venres, 6 de marzo, organizouse un obradoiro de pancartas, instrumentos e photocall para preparar a manifestación do 8M en Guitiriz. Levarase a cabo no soto da Casa Habanera a partir das 17 horas.

Por último, o sábado 7 de marzo ás 19 horas na Casa Habanera, haberá unha obra de teatro titulada ‘Monstruación’, unha comedia de Enconarte Produccións para “entender mellor o ciclo menstrual”.

A alcaldesa, Marisol Morandeira, destacou a importancia deste tipo de actividades que “contribúen a sensibilizar á poboación sobre un asunto tan importante como é o da igualdade entre mulleres e homes e tamén permite visibilizar os retos diarios que aínda hoxe en día deben afrontar as mulleres unicamente polo feito de selo”.

Etiquetas