Premiados alumnos do Ceip Poeta Avelino Díaz no concurso de curtas convocado pola Xunta

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora adxunta á Dirección Xeral da CRTVG, Rosa Vilas, firxeron entrega dos Premios a curtas de animación en galego Nós tamén creamos!, organizados pola Xunta de Galicia en colaboración coa CRTVG e con OQAeditora e que chegan con esta á súa oitava edición. Nesta ocasión , o Ceip Poeta Avelino Díaz, foi o gañador no categoría de 3º e 4º de educación primaria coa proposta Maruxa.

Nesta oitava edición, tamén se fixeron cos premios o Ceip Ponte dos Brozos de Arteixo, que gañou na categoría de educación infantil coa curta Cantas pingas na cidade, e o CEE Terra de Ferrol, que se fixo co galardón na categoría de 1º e 2º de primaria con Andrés Cabeza Abaixo.

Valentín García agradeceu o traballo dos docentes e do alumnado que se implicou na realización dos proxectos gañadores, así como dos restantes participantes no certame e recordou que “o máis importante deste premio non é o acto de hoxe, senón todos eses meses en que profesores e estudantes traballastes xuntos nas vosas curtas, un proxecto ilusionante que vos permitiu expresar a vosa creatividade empregando a lingua galega e descubrir que en galego podedes gozar dos libros, da tele, do cine e de calquera soporte en que se poidan contar historias, e que podedes facelo como receptores, pero tamén como creadores”.

Xunto con Valentín García e Rosa Vilas participaron na entrega o subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, Juan Carlos Varela, e o responsable da área audiovisual de OQOeditora, Borja Guerrero.

Presentaron o acto os coñecidos Bolechas que, finalizada a entrega de premios, desenvolveron unha actividade de dinamización lingüística para os cativos e cativas asistentes.

Etiquetas