Skip to main content
ActualidadeCospeito

Xotramu inicia o venres unha programación cultural co título Sementando

Por 2 Marzo, 2020Marzo 4th, 2020Sin comentarios

A asociación Xotramu de Muimenta realizará ao longo do mes de marzo varios actos culturais, baixo o nome de Sementando, actos que terán lugar na Igrexa Vella.

A primeira destas actividades será este venres día 6, a partir das 21.00 horas, coa  reprodución da galardoada película O que arde, de Oliver Laxe. A continuación, o domingo celebrarase o Día Internacional da Muller co visionado da curtametraxe Matria, de Álvaro Gago. Será ás 18.30 horas.

Unha semana máis tarde, o sábado 14, a música será a protagonista. Davide Salvado ofrecerá o seu novo espectáculo, Amarelo, acompañado por Pedro e Pablo Pascual. A actuación será a partir das 20.00 horas.

A representación da obra Unha noite de ruada, do grupo de teatro Os Xubilosos, porá punto e final ás actividades desta programación o sábado 21 ás 17.00 horas. Esta obra foi feita hai 18 anos por xente de Muimenta. A continuación, haberá un coloquio cos actores.

Segundo explican dende Xotramu, “trátase dunha progamación moi especial, unha programación para empezar a sementar máis cultura na nosa parroquia. En marzo comezan a andar as sementes á terra e iso é ou que queremos nós, botar para recoller… E recoller de todo un pouco: máis lecer saudable, bos recordos e momentos en boa compañía”.