As Pontes licitará o SAF por máis de 9 millóns de euros

O Pleno do Concello das Pontes aprobou, por unanimidade, o prego de contratación do servizo de axuda no fogar, na modalidade de dependencia, cun valor estimado de 9.106.166,94 euros.

A concelleira de Benestar Social, Tania Pardo, precisou que o prego de contratación contempla unha actualizacion do prezo do servizo para axustarse á realidade do sector, ao incremento dos salarios e á modificación dos convenios colectivos. Así, incrementouse en case 7 euros o prezo do servizo con respecto ao contrato anterior, pasando o custe da hora de 12 a 18,86 euros/hora

A Xunta de Galicia aportará unha parte do custe da prestación do servizo (9,70 euros) , a mesma cantidade desde o ano 2008, situación que provoca que “o Concello das Pontes teña que asumir unha competencia impropia e reservar preto de 4 millóns de euros, nun período de 5 anos, para cubir o custe dunha prestación que constitúe un dos piares básicos das políticas municipais de benestar” subliñou a concelleira.

“Ímolo facer, comprometémosnos coa prestación e mellora deste servizo que é fundamental para as veciñas a veciños da nosa vila, para mellorar a súa calidade de vida, e debémolo prestar en óptimas condicións, indicou Tania Pardo.

O contrato, que terá unha duración de tres anos, prorrogables a dous máis, contempla un aumento de 6.180 horas con respecto ao contrato anterior, alcanzando así a cifra de 83.256 horas de atención anuais.

A través deste servizo ofrecerase atención a persoas ou unidades de convivencia, no propio domicilio, para facilitar o seu desenvolvemento e a permanencia no seu domicilio, atendendo a persoas maiores con déficit de autonomía e con discapacidade así como a fogares con menores nos que se observe a necesidade dunha intervención de carácter socioeducativo.

Os tipos de atención que se prestará serán catro; de carácter persoal para a realización de actividade da vida cotiá, atención das necesidades de carácter doméstico e de vivenda, acompañamento persoal para a realización de trámites administrativos ou médicos e atencións de carácter psicosocial e educativo.

Ademais dos servizos propios de atención contémplanse outros complementarios tales como fisioterapia, podoloxía, logopedia ou terapia ocupacional, entre outros. Por outra banda tamén están adcritos ao servizo equipamento como grúas de mobilización persoal, camas articuladas, colchóns anticaídas ou cadeiras de rodas.

Etiquetas