O PP de Vilalba urxe á alcaldesa a reunirse cos empresarios

O Grupo Municipal do PP de Vilalba pide ao Goberno local que atenda “dunha vez por todas” a petición de reunión da Asociación de Empresarios Polígono Sete Pontes, co fin de darlles unha solución aos múltiples problemas que lles debe solucionar o Concello como é a xestión do chan industrial para que outras empresas se poidan instalar no polígono.

Este colectivo leva meses agardando a que a alcaldesa os reciba. Os empresarios rexistraron ata en dúas ocasións na sede electrónica da entidade local a súa petición de recibimento, pero a rexedora segue facendo caso omiso desta demanda. Por iso, dende o PP, e sabendo que en días pasados tamén se celebrou o Networking na localidade, remarcan que “é de xustiza que se lles escoite e se atenda as súas demandas”. 

Os populares consideran que o Executivo local non pode seguir “deixándoos desamparados”, xa que representan “o pulmón económico da comarca”. O polígono conta con 200 empresas instaladas, algunhas moi destacadas e coñecidas nun dos sectores máis relevantes na comarca como é o lácteo, e 2.000 persoas traballando.

Etiquetas