Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

O IES Terra Chá acolleu un curso práctico de simulador forestal

Por 7 Marzo, 2020Sin comentarios

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, salientou a importancia de fomentar a incorporación de talento e persoal cualificado á industria forestal galega, durante a súa participación na clausura dun curso práctico de simulador forestal celebrado no IES da Terra Chá José Trapero Pardo, en Castro Ribeiras de Lea.

Na iniciativa participou o alumnado do ciclo medio de Aproveitamentos Forestais e do ciclo medio de Xestión Forestal, co obxectivo de que adquirisen coñecementos de manexo de autocargador e procesadora forestal, previamente á súa incorporación á realización de prácticas en empresas do sector.

Para iso, contaron durante 20 horas por persoa con dous simuladores facilitados por Xera, que contan cos mesmos programas e mandos que unha procesadora ou autocargador real e recrea distintas situacións reais que se poden dar nun aproveitamento forestal.

Ignacio Lema tamén participou no Ceip Lagostelle de Guitiriz nunha actividade para nenos e nenas de infantil organizada pola Asociación de Empresarios da 1ª Transformación da Madeira de Lugo para achegar as vantaxes ambientais e sociais deste material autóctono. Entregóuselles aos participantes unha copia do libro Os Bolechas fan cousas de madeira, editada en colaboración co sector con estes mesmos obxectivos.