Os seis GDR formaranse como asesores rurais a nivel europeo

A Asociación para o Desenvolvemento Rural da Comarca de Lugo (GDR-04) vén de asinar un convenio coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) co obxectivo de que os seis GDRs da provincia se poidan formar como asesores rurais a nivel europeo, coa coñecida acreditación CECRA. Á sinatura acudiu o director xeral da Asociación Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, que puxo de relevo a iniciativa para afondar na especialización destas entidades que se encargan de xestionar os fondos Leader para a dinamización do agro.

En virtude do convenio, a Universidade de Santiago comprométese a impartir neste curso 2019-2020 un Programa de Formación Específica e a Demanda que terá como finalidade a formación e especialización en relación ao asesoramento rural. En concreto, impartiranse tres cursos de posgrao: un sobre práctica da moderación, outro sobre principios da mediación e un terceiro sobre a organización de procesos de innovación e o apoio de redes.

Dado o interese dos GDRs de Lugo por fomentar a formación de especialistas en asesoramento rural, a USC comprométese a reservar un número de prazas para persoas propostas por estas entidades. A formación destes asesores dos Grupos de Desenvolvemento Rural de Lugo financiarase con cargo ao Plan Leader da Consellería.

A formación impartida pola Universidade de Santiago de Compostela contará coa acreditación CECRA (Certificado Europeo de Asesores Rurais), que vai máis aló da especialización a nivel estatal para aportarlles aos asesores coñecementos sobre os xeitos de actuar noutras rexións e darlles a posibilidade de formar redes transnacionais. Estas metodoloxías non só se orientan aos asesores do sector agrario, senón tamén aos xestores ou persoal técnico das cooperativas, das Sociedades de Fomento Forestal ou de Programas Leader.

Etiquetas