Bonos consumo Vilalba

O BNG de Cospeito critica o elevado gasto nas remuneracións aos cargos públicos

O BNG de Cospeito explicou que no último pleno votou en contra do orzamento de este ano polo descenso no capítulo de inversións reais mentres aumentan os gastos en persoal.

A voceira nacionalista, Yolanda García, explicou que “se vai baixar un 6,65% a partida de investimentos reais, algo incrible xa que non podemos dicir precisamente que sexamos o concello  que mellor está. Hai necesidades, como auga, iluminación, estradas, servizos, e cada carto é necesario”.

Si criticou o incremento en persoal que cifrou nun 7,45% “e non me refiro a gastos de persoal do Concello, refírome a cargos electos. Por unha parte o alcalde está a cobrar o máximo que lle permite a lei e pola outra, hai dúas adicacións parciais que unha delas tamen cobra o máximo e a outra ten unha cuantía non está en consonancia co traballo feito”.

A concelleira indicou que o alcalde respostou á súa queixa “que non só había que investir hai que manter o que hai feito e se o mantemento vai noutra partida que está incrementada dunha forma irrisoria, nun 23.000 euros, as cousas non concordan”.

“Os cargos electos teñen que cobrar pero unha cousa é cobrar e outra e chegar ao teito de gasto nunha situación delicada como está o noso concello”.

Yolanda García explicou que o alcalde ten unha dedicación exclusiva de 42.00euros e subiu 2.000 con respecto ao ano pasado. Os outros dous concelleiros cobran 24.000 e 14.175 euros. “Unicamente en cargos son 80.170 euros que si lle sumamos a Seguridade Social irémonos aos 106.000 euros, demasiado para o que hai en Cospeito”.

CHEIROS

Así mesmo, a concelleira mostrou a súa preocupación novamente pola planta de biocompost e preguntou no último pleno se estaba ao corrente de todos os impostos e ademais insistiu en que se informe de se os cheiros que desprenden poden ser nocivos para os veciños. “Contestaron que eles entendían que se estaban a cumplir as normativas de saúde pública e de sanidade pero preocúpanos que sexan nocivos”.

Etiquetas