Skip to main content
Actualidade

O BNG de Outeiro de Rei reclama a demora de entrar no Consorcio Galego de Servizos Sociais

Por 10 Marzo, 2020Sin comentarios

“Ao alcalde de Outeiro levoulle 14 anos, pero por fin lle fixo caso ao BNG e entrou en razón, pois propuxo nun pleno extraordinario para que o concello entrara na rede do Consorcio Galego de Servizos Sociais e Benestar xestionado pola Xunta de Galicia”, explicaron os nacionalistas do Concello.

Engaden que xa en outubro do ano 2006 o BNG presentara unha moción para que o concello se integrase neste consorcio, “pois era a mellor fórmula para que os concellos medianos e pequenos puideran prestar uns servizos sociais dignos e en colaboración coa Xunta”.

“Naquel momento, o alcalde negouse aducindo que non estaba de acordo cos estatutos, concretamente na participación 51%-49% do Consorcio e o Concello. Agora propón a entrada cos mesmos estatutos que existían naquel momento e que estaban asinados por Anxo Quintana”, subliñan.

Para o BNG, “estes foron 14 anos perdidos que lle tiveron un gran custe ás veciñas e veciños de Outeiro, pois tivemos que pagar moitos máis cartos pola construción da gardería, estando esta en mans dunha empresa privada e cun persoal que non cumpriu ningún dos criterios de Igualdade, Mérito e Capacidade que se debera esixir”.

“A realidade é que naquel momento o alcalde non quixo participar no Consorcio porque non podía manipular os procesos de seleccións e deste xeito meteu a traballar na gardería a quen lle pareceu, co único mérito de ser fillas de quen eran, cuestión que nunca podería facer se estivese no consorcio”, explicou o concelleiro do BNG.

En canto ao centro de día, “aínda é peor, porque a día de hoxe aínda non está nin empezada a construción e durante todo este tempo a xente de Outeiro tivo que acudir aos centros de día dos concellos do carón para poder dispor deste servizo”.

“A diferenza vese con claridade se comparamos co concello de Begonte, por exemplo, o cal se integrou naquel momento e dende entón ten un cetro de DIA modélico en Baamonde a onde acude moita xente de Outeiro cando teñen a sorte de acadar unha praza”, continuou Xosé Ferreiro.

“Aínda que se resistiu pola mesma razón que no ano 2006, a de non controlar a contratación de persoal, agora o alcalde de Outeiro veuse obrigado a dar este paso, debido aos problemas económicos do concello debido á nefasta xestión do alcalde, e a política da Xunta en canto as axudas aos concellos para os centros de DIA, aos cales obriga a adherirse ao consorcio para ter dereito a elas”, conclúen.