BNG e PSOE lembran que segue aberto o prazo de consulta do PXOM de Cospeito

As representantes dos dous grupos na oposición, o PSOE e o BNG, liderados por Rosa Morán e Yolanda García, quixeron recordar a todos os veciños que aínda teñen de prazo ata o 20 de marzo para consultar a documentación do Plan Xeral e “presentar todas as alegacións que consideren necesarias”.

“Este é un plan que van facer todos os veciños, que afecta a 250 núcleos rurais, polo que son os propios veciños os que teñen que facer as consultas e ver que todo está correcto”, subliñan.

Enganden tamén que “non vai a estar ao gusto de todos pero é importante que se mire”.

As concelleiras lembraron que o plan leva en exposición pública dende hai dous meses, cando foi aprobado provisionalmente polo Pleno.

O documento pode consultarse xa na páxina web do Concello de Cospeito no apartado de sede electrónica, así como nas dependencias municipais en horario de oficina.

Ademais, o Concello puxo a disposición dos veciños unha asistencia técnica para entender o documento que funcionará neste tempo os xoves e venres a partir do 23 deste mes, os dous días pola mañá, entre as 10.00 e as 14.00 horas, na casa da cultura de Feira do Monte e os venres pola tarde, entre as 16.00 e as 19.30 horas, na casa da cultura de Muimenta. A oficina abrirá os últimos días o 12, 13 e 20 deste mes.

Etiquetas