Vilalba ten preparada unha nova edición da Feira do queixo San Simón

O Concello de Vilalba acollerá durante a primeira fin de semana de abril, como é tradición, unha nova edición da Feira do Queixo da San Simón da Costa. A celebración estará pendente da decisión que se tome en función de como evolucione a situación polo brote de coronavirus.

Contarán con dous días de feira, o 4 e o 5 de abril, e desenvolverase na praza da Constitución, onde se colocarán os stands de artesáns e produtos gastronómicos.

O programa dará comezo o sábado ás 11.30 horas coa final do Concurso de Tapas, que contará cun xurado profesional composto por tres Cociñeiros, unha persoa do Concello e un queixeiro, e previsiblemente será no templete.

Ás 15.00 horas será o taller de Master Chef con Paloma de Master Chef Júnior 4 que se celebrará na carpa. É un curso gratuíto no que poderán participar entre 50 e 60 nenos de 6 a 14 anos ata completar aforo. Os pequenos aprenderán receitas e maneiras diferentes de cociñar o queixo San Simón.

Máis tarde, ás 19.00 dará comezo a entrega de premio do concurso de tapas e do cartel do concurso de nenos, e acto seguido será o pregón, que este ano está a cargo de Francisco Sineiro, profesor de Economia Agraria da Escola Superior de Enerxía de Lugo e exconselleiro de Agricultura e Investigador do Centro de Investigación Agrarias de Mabegondo.

O domingo ás 13.00 horas estará adicado con máis amplitude á cociña cun showcooking a cargo de Adrián Díaz Beningo Campos de Larpeiros. Este acto será no templere e ademais contará con degustación.

CONCURSO DE TAPAS

Desde o 19 ao 29 de marzo celebrarase a fase previa do Concurso de tapas, que este ano chega a XIII edición e na que participaron un total de 29 locais da capital chairega, que ofrecerán as súas creacións aos visitantes de Vilalba.

Catro dos locais presentáronse na categoría de tapa creativa e o resto na de tapa tradicional.

As tres tapas máis votadas en cada unha das categorías pasarán o sábado á gran final. Serán cociñadas en directo e un xurado experto elixirá as gañadoras.

O prezo das tapas é de 1,50 euros a tradicional e dende 2,50 a creativa.

Etiquetas