O presidente do Goberno declara o estado de alarma

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou a decisión do Goberno de declarar o estado de alarma en toda España. A medida, de facto, dá capacidade ao Executivo para pechar de forma preventiva zonas de poboación, limitar o uso de servizos públicos e obrigar ao “confinamento” da poboación nos seus domicilios. A medida, recollida no ordenamento constitucional, permite ao Executivo prohibir o movemento de persoas en zonas concretas e períodos de ata dúas semanas.

Sánchez anunciou que mañá venres, o Executivo reunirase nun Consello de Ministros especial para “adoptar un conxunto de decisións excepcionais” tras declarar o estado de emerxencia. “Queremos a máxima coordinación de recursos. O goberno de España vai protexer a todos os cidadáns”, remarcou o presidente, que comunicou tamén a decisión aos presidentes autonómicos.

O presidente mostrou a súa gratitude co persoal sanitario que está a loitar contra o coronavirus e asegurou que as cousas empeorarán nas próximas semanas chegando aos 10.000 afectados. Segundo o presidente, o obxectivo da súa xestión é frear “unha propagación demasiado rápida do virus”. Sánchez pediu ás persoas maiores que cumpran as recomendacións dos expertos e chamou á conciencia social dos mozos para frear o contaxio aínda que sexan o grupo de poboación con menor risco teórico.

A comparecencia de Sánchez chega despois de que o presidente presidise a reunión interministerial de seguimento da pandemia encabezada polo Ministerio de Sanidade. Tras o encontro, estaba prevista a comparecencia do ministro do ramo, que foi posposta para anunciar aos medios de comunicación a declaración pública do presidente.

Ata esta data, o Goberno tivo que declarar unicamente unha vez esta medida, preparada para situacións de emerxencia excepcional. Foi en 2010 coa crise dos controladores aéreos, cando a declaración do estado de emerxencia serviu para que o Executivo tomase o control das torres dos principais aereopuertos españois tras o colapso dos voos pola folga aérea.

O estado de alarma, regulado polo artigo 116 da Constitución, permite ao Executivo adoptar medidas especiais en situacións excepcionais como “epidemias e situacións de contaminación graves”. A diferenza entre esta decisión e outras medidas tamén recollidas no ordenamento xurídico é que o estado de alarma non dota ao Executivo para restrinxir outros dereitos fundamentais como a liberdade de expresión.

Etiquetas