Unha empresa de Meira aumenta un 50% o envasado de leite

A factoría central de Naturleite, en Meira, adopta medidas extraordinarias para continuar producindo a pleno rendemento e dar cobertura á demanda do mercado.

Desde a industria láctea recoñecen aumentar o seu nivel de produción nun 53 % nesta última semana e os traballadores están a facer un esforzo maior ao traballar máis horas das habituais.

Neste sentido, Antonio Larrea, director xeral de Naturleite, subliñou que “o esforzo que está a facer toda a cadea, en especial, os nosos gandeiros. Seguen traballando día a día para entregar o seu leite, pois as ganderías teñen que continuar con normalidade, os seus animais teñen que seguir comendo e sendo ordeñados e a nosa produción non pode parar”.

Engadiu ademais que “na nosa fábrica estamos a facer todo o posible para incrementar a produción e contestar rapidamente á demanda dos consumidores e, por suposto, os transportistas tamén seguen traballando máis que nunca para levar os produtos ata os lineais de Mercadona. A cadea soubo responder a esta crise, poñemos en valor o seu labor e o esforzo de todos os seus empregados, son parte estratéxica e teñen gran responsabilidade en abastecer todos os días aos cidadáns”.

En Naturleite xa foron adoptadas medidas extra de seguridade desde hai unhas semanas e Larrea transmite a día de hoxe “tranquilidade aos consumidores. Pois todo o sector lácteo, todas as persoas ligadas a este proxecto, estamos implicadas para poñer en circulación máis leite do habitual, achegando o mellor de nós mesmos”.

Etiquetas