A Deputación cambia as bases do Plan Único polo coronavirus

O Goberno da Deputación anunciou a decisión de adaptar o Plan Único 2020 co fin de que os 67 concellos da provincia poidan cubrir con estes fondos medidas e necesidades sociais provocadas pola crise do Covid-19. Deste xeito, as bases do Plan Único adáptanse para que os municipios que así o necesiten queden exentos da obriga de destinar o 50% da achega da Deputación a investimentos para poder dedicar ese importe a cubrir e resolver as necesidades que xurdan a raíz do impacto do coronavirus.

En concreto, a redacción das bases tras o cambio é a seguinte: “De xeito excepcional, e con motivo da situación de alarma sanitaria decretada polo RD 463/2020, de 14 de marzo, e posterior modificación, exceptúase da obriga de destinar o 50% da achega da Deputación a investimentos a aqueles concellos que lles sexa necesario facer fronte a gastos correntes derivados da situación de alarma e emerxencia sanitaria por mor do coronavirus Covid-19. Non obstante, das cantidades destinadas a investimentos, mantense a obriga do concello de dedicar o 60% da achega provincial ao arranxo e mellora de vías municipais”.

O presidente, José Tomé, que mantivo unha reunión esta mañá coa vicepresidenta, Maite Ferreiro, para abordar esta cuestión, explicou que “esta medida contribúe a que os concellos poidan responder con máis rapidez e eficacia ao novo escenario de prioridades e necesidades que deben afrontar debido á situación de emerxencia de saúde pública que estamos a vivir. “A Deputación é o Concello dos Concellos. A nosa principal función é a cooperación con eles, e máis nestes momentos, nos que sobre todo os pequenos municipios, que contan con menos recursos, dificilmente poden encarar os efectos desta crise sanitaria. É aquí onde temos unha función clave, facilitando que dispoñan de recursos para atender aos seus veciños e veciñas”.

Esta medida dá aos concellos “a seguridade e a tranquilidade de que van ver as súas arcas municipais reforzadas para afrontar as necesidades que xurdan pola crise do coronavirus”, recalcou o presidente.

A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro,  subliñou que “esta crise sanitaria está a supoñer un gran desafío para os concellos. Somos conscientes do esforzo que están a facer sobre todo no que ten que ver coa xestión do Servizo de Axuda no Fogar. Moitos organizaron tamén outros servizos de proximidade para levar alimentos e medicinas a persoas maiores que viven soas ou non dispoñen de vehículo propio. Queremos que o Plan Único sexa unha ferramenta flexible, que se adapte as necesidades que os concellos teñen nesta situación excepcional”.

Maite Ferreiro tamén amosou o seu apoio ás demandas de material de protección que están a realizar os concellos. “É imprescindible que as traballadoras destes servizos conten con equipos de protección para facer o seu traballo. Trátase de protexer a súa saúde e tamén a das persoas as que atenden”.

A Pleno o 2 de abril
O Goberno da Deputación decidiu así mesmo fixar para o 2 de abril, ás 11.00 horas, a celebración dun Pleno extraordinario para aprobar o Plan Único 2020, que se incrementa este ano ata os 21,3 millones de euros, co obxectivo de que os concellos poidan dispoñer canto antes destes fondos, “que, se sempre son necesarios, quizais moito máis este ano pola grave situación que estamos a vivir, pois contribuirán, non só a cubrir servizos sociais e velar pola calidade de vida e o benestar da cidadanía, senón tamén e de maneira moi importante á reactivación da economía e do emprego unha vez rematado o estado de alarma”. O Plan Único “repercutirá na contratación sobre todo de pequenas e medianas empresas, moitas de ámbito local, o que sen dúbida axudará a recuperar o pulso das economías locais”.

Atendendo a esta situación, o Goberno provincial acordou ampliar os prazos para que os concellos teñan a marxe suficiente para acometer e prestar os servizos que sufragarán con cargo ao Plan Único 2020. Así, amplíase un mes o prazo para a contratación, pasando a data límite do 30 de setembro ao 30 de outubro.

O Pleno será retransmitido como é habitual por streaming para que toda a cidadanía que así o desexe e os medios de comunicación poidan velo. Celebrarase sen a presencia de público e gardando ás distancias de seguridade, así como todas as medidas de prevención establecidas polas autoridades sanitarias e gubernamentais.

Outras medidas
A adaptación das bases do Plan Único para que os concellos da provincia poidan dispoñer de maiores recursos económicos fronte ao Covid-19 súmase a outras decisións de carácter social e económico adoptadas pola Deputación para paliaro impacto desta crise, como a de priorizar o pago a provedores da institución para inxectar liquidez nas empresas e contribuír deste xeito a que poidan pagar salarios e gastos correntes e manter así a súa actividade, ou a de reforzar o servizo de teleasistencia domiciliaria para facilitar información e recomendacións aos máis de 1.300 usuarios e usuarias.

A Deputación distribúe os 21,3 millóns de euros do Plan Único 2020 entre os 67 municipios da provincia en base a criterios obxectivos, como son a poboación, a superficie, a dispersión territorial e a taxa de envellecemento, segundo os datos oficiais de 2019.

Esta é a relación de cantidades:

ABADIN: 335.452,02 €
A PASTORIZA: 323.175,96 €
BEGONTE: 296.519,57 €
CASTRO DE REI: 389.115,87 €
COSPEITO: 360.134,92 €
FRIOL: 407.438,43 €
GUITIRIZ: 439.625,65 €
MEIRA: 221.916,78 €
MURAS: 286.381,48 €
OUTEIRO DE REI: 353.004,86 €
POL: 267.691,15 €
RÁBADE: 194.670,07 €
RIOTORTO: 237.414,12 €
VILALBA: 500.000,00 €
XERMADE: 306.454,43 €

PARTIDO POPULAR

Os populares da provincia critican a convocatoria dunha reunión presencial das comisións informativas de Economía e Pleno para o próximo día 27, venres. Aseguran que recibiron estas convocatorias pola vía oficial, sen consensualas previamente; polo tanto, sen diferencia algunha “co que se faría noutro momento alleo á gravísima crise sanitaria, debida ao coronavirus, que está a vivir España”. O voceiro popular, Javier Castiñeira, expresa a súa sorpresa por esta convocatoria, tanto pola inoportunidade como polo feito de que as reunións serán presenciais.

Para o PP é evidente a inoportunidade da iniciativa do presidente en si mesma. O portavoz, Javier Castiñeira, recorda que os populares xa viron improcedente no seu momento a convocatoria das comisión unhas horas antes da declaración da emerxencia en Galicia, debido ao coronavirus; efectivamente, aquelas reunións foron desconvocadas. “Agora nos atopamos con estas novas convocatorias, na que se espera que sexa a peor semana na crise sanitaria en España e mentres desde o Goberno, presidido polo socialista Pedro Sánchez, se insta aos cidadáns a quedar na casa para evitar contaxios; polo tanto é inoportuna, pero tamén é cuestionable o feito de que se trate de reunións que se celebrarán presencialmente”.

 

Etiquetas