Enquisa Mobilidade

Sae a licitación a xestión da residencia de maiores de Castro de Rei

O Concello de Castro de Rei iniciou o procedemento para sacar a licitación a xestión integral da residencia de persoas maiores San Xoán, situada na capitalidade municipal e que ata o de agora estaba adxudicada á Fundación Mensaxeiros da Paz. O novo contrato terá unha duración de catro anos, que serán prorrogables a dous máis, e un orzamento máximo de 3.608.651,53 euros.

O obxectivo deste contrato é regularizar a situación, xa que a xestión do centro adxudicouse no seu día a través dun convenio a Mensaxeiros da Paz, situación que se mantivo no tempo.

É por iso que agora o Concello busca regularizar a situación para adecuar esta adxudicación á Lei de Contratos de 2016.

A principal condición para entrar no concurso é que o prezo mínimo que debe abonar o adxudicatario sexa de 8.150 euros ao mes.

A residencia de maiores San Xoán ofrece un total de 53 prazas, das que 34 son de residencia e 19 destínanse a persoas con discapacidade grave.

O prego de cláusulas administrativas particulares e prescricións técnicas pódense consultar no perfil do contratante da Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, podendo acceder ao mesmo desde a páxina web municipal (http://castroderei.gal).

Os interesados poderán solicitar información adicional cunha antelación mínima de seis días á finalización do prazo de presentación de proposicións. Ademais, o regulamento de réxime interno da residencia está publicado no BOP do 15 de novembro de 2017.

Así, o prazo de presentación de solucitudes finaliza o 13 de abril ás 14.00 horas. As ofertas deberán presentarse no rexistro xeral do Concello.

 

Etiquetas