Skip to main content
ActualidadeVilalba

O goberno de Vilalba axudará ás empresas que prestan servizos ao Concello para evitar os Ertes

Por 29 Marzo, 2020Sin comentarios

O goberno municipal de Vilalba comprométese a tratar de manter todos os contratos en vigor coas distintas empresas adxudicatarias que prestan servizos ao Concello co fin de evitar que se vexan obrigadas a recorrer a un ERTE debido á suspensión da súa actividade por mor da crise sanitaria. Deste xeito, o executivo local garante tamén que, no caso daqueles contratos que non se podan manter, o Concello aboará ás empresas o 100% dos custes salariais de traballadores e traballadoras se evitan a presentación dun expediente de regulación temporal de emprego.

O real decreto de medidas urxentes 8/2020 recolle a intención de que o sector público manteña os contratos con ditas empresas e estas, á súa vez, manteñan á plantilla. No caso dos contratos esenciais, como o de urbaser, SAF ou conserxería e limpeza de centros educativos, manteranse as prestacións, reasignando as horas a servizos como o de desinfección das rúas, por citar un exemplo.

No caso daquelas adxudicatarias que non podan manter as condicións porque é inviable a prestación do servizo, como o caso da Escola Infantil Municipal, “trataremos de que se manteñan os postos de traballo e un nivel mínimo de facturación, dando a posibilidade de que as empresas reclamen eses gastos ao Concello, tal e como indica o real decreto, que pagará o 100% co obxectivo de evitar que presenten un ERTE, porque nós imos cubrir o coste salarial”, subliñou Marta Rouco, concelleira de Réxime Interno e Servizos Sociais.