A Deputación activa a app Lugo Cambia 360

A Deputación de Lugo vén de activar para Android e IOS a aplicación móbil Lugo Cambia 360, unha ferramenta que a través da realidade aumentada permite facer unha viaxe a 25 localizacións da provincia a través de calquera dispositivo. A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, explica que “nestes momentos que nos toca estar na casa é unha opción moi axeitada para viaxar a calquera dos catro xeodestinos da provincia dende os nosos fogares”.

García Porto afirma que é unha app que “abre unha ventá virtual a través da que o usuario pode visitar os Escolapios de Monforte de Lemos, o miradoiro de San Roque en Viveiro ou a Catedral de Lugo dende o alto da Muralla, dende calquera lugar do mundo”. O usuario debe apuntar coa cámara do seu dispositivo ao chan do lugar no que se atope e inmediatamente trasladarase virtualmente ao lugar elixido da provincia de Lugo. Durante esta experiencia, mire cara o lugar que mire, estará nesa contorna elixida na app.

“Con esta ferramenta tecnolóxica calquera persoa nos pode visitar e facer unha primeira toma de contacto e,  despois, unha vez remate o período de confinamento, planifique unha viaxe para descubrir eses lugares aos que se achegou previamente grazas á aplicación”, subliña García Porto.

O impulso do turismo é unha das grandes apostas da Deputación de Lugo “e máis agora porque é un dos sectores que máis afectado se vai ver pola crise do coronavirus”, explica a Deputada. Nos orzamentos do 2020 a institución provincial destina 2,4 millóns de euros a promoción do territorio co obxectivo de continuar dinamizando o sector. Esta iniciativa reforza o turismo de experiencias e favorece a posta en valor e promoción do inmenso patrimonio cultural e natural da provincia de Lugo.

Etiquetas