Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

A cadea Oca Hotels merca o balneario de Guitiriz

Por 2 Abril, 2020Sin comentarios

06-20323

A cadea hostaleira galega Oca Hotels fíxose co Balneario de Guitiriz e “está a preparar un ambicioso plan de reforma para todas as instalacións”, segundo informa a propia empresa, “que incluirá a reforma e modernización das instalacións do hotel, zonas de restauración e eventos, o centro termal e o campo de golf”.

O investimento previsto pola dirección do grupo elévase a catro millóns de euros e, cando comece a funcionar, o complexo turístico “creará un mínimo de cincuenta postos de traballo directos”, será “un dos motores dinamizadores da economía da Terra Chá”.

En liña coa RSE de Oca Hotels, o grupo apostará “por enerxías renovables para o funcionamento do complexo e priorizará a contratación de persoal e provedores da zona”.

O edificio, que comezou a súa función hostaleira en 1908, conta con 101 habitacións e está rodeado por un bosque de máis de 40 hectáreas, ademais dun campo de golf de 9 foxos e unha extensión de máis de 6.000 metros.

O hotel alberga un impresionante balneario, cuxas augas minerais, con propiedades medicinais, emanan de forma natural da súa famosa fonte de San Juan. Durante a Guerra Civil foi habilitado como hospital e daquela época débese a existencia dunha mesquita dentro da propiedade.

O balneario de Guitiriz adquiriu fama a nivel europeo, converténdose nun referente no ámbito do turismo termal.

As súas augas, que brotan a 15 graos de temperatura, son ricas en contidos alcalinos de flúor, recomendadas por diversos especialistas como tratamento para paliar distintas patoloxías do aparello dixestivo, o aparello urinario, o fígado ou a diabetes, ademais de diferentes problemas na pel, os reumatismos e a tensión.

O presidente do grupo OCA Hotels, David Caramés, sinala que “a pesar desta crise inesperada polo COVID-19, desde OCA Hotels seguiremos apostando polo turismo, reforzando a nosa presenza en Galicia, tanto no Camiño de Santiago, como noutros puntos da xeografía galega, coa cal estamos totalmente comprometidos socialmente”.

“O noso obxectivo é crecer, crear máis postos de traballo e ofrecer servizos de calidade. No deseño dos servizos dos nosos establecementos tentamos que prime a excelencia na atención ás persoas, que é posible grazas a un dos valores da cadea: o noso gran capital humano”, conclúe.