Axencia de colocación

Begonte fai obras de mellora na rúa entre o centro de saúde e o polígono

O Concello de Begonte está a piques de finalizar estes días o acondicionamento da pista que une o centro de saúde co polígono industrial, á altura do acceso á autovía A-6. O proxecto foi adxudicado por un importe de 126.000 euros e serve para completar unha primeira fase que xa tiña executada o taller de emprego.

As obras previas consistiron nas beirarrúas do primeiro trao da vía, entre a N-VI e o recinto do ambulatorio. A intervención actual, que tiña un prazo execución de pouco máis dun mes, comprende o resto da rúa, que tamén se alargou grazas á colaboración dos propietarios das leiras lindeiras, que cederon desinteresadamente os terreos necesarios para levar a cabo esta actuación.

As obras xa realizadas incluíron a pavimentación con aglomerado e a súa sinalización, así como a habilitación de beirarrúas, creando unha sorte de circunvalación do polígono, ao que os peóns poden acceder con maior seguridade grazas a esta actuación e á tamén impulsada polo Concello na N-VI, onde se construíron beirarrúas entre o núcleo urbano e o parque empresarial.

Ademais, aproveitouse para mellorar as canalizacións, coa instalación dunha nova rede de saneamento e tamén de abastecemento. A humanización deste espazo complétase coa mellora da iluminación, mediante a instalación dunha trintena de puntos de luz, e a construción dun novo peche perimetral do vial, que é a última parte en executarse deste proxecto.

Etiquetas