Skip to main content
ActualidadeVilalba

O Concello de Vilalba prestará un servizo de asesoramento das novas medidas de alugueiro

Por 3 Abril, 2020Sin comentarios

O goberno municipal de Vilalba prevé a prestación dun servizo profesional de asesoramento á veciñanza ante as novas medidas de alugueiro anunciadas polo Goberno. O real decreto-lei publicado no BOE recolle unha serie de axudas para paliar as dificultades que podan experimentar inquilinos afectados polo estado de alarma no pago dos seus alugueiros.

Neste senso, o Concello tratará de ofrecer “un asesoramento para que os arrendadores e especialmente arrendatarios coñezan os seus dereitos e non se vexan vulnerados na situación na que nos atopamos”, afirmou Luis Fernández, edil de Economía e Facenda.

Por outra banda, o equipo de goberno local vén de anunciar que se posporá o cobro dos vados que tería lugar neste mes “como unha das medidas que alivie en parte a carga económica de moitos dos nosos veciños e veciñas”. Do mesmo xeito, o imposto de tracción mecánica que se cobraría nos meses de verán demorarase no tempo para despois deste período.

Estas e outras accións que estuda de forma permanente o goberno municipal irán encamiñadas a contribuír a facer fronte á crise económica derivada da pandemia do Covid-19, pois “somos coñecedores da situación que están a atravesar moitas familias”, asegurou Fernández, engadindo que “trataremos de ir perfilando medidas para minorar o impacto económico sobre a veciñanza de Vilalba”, concluíu.