O Premio Xermade na Historia recaeu no profesor Rafael Quintía

TerraChaXa
O xurado do VI Premio de Investigación Xermade na historia outorgou o primeiro premio á obra A aboreada das mázcaras.
quintia 1024x382
3 Apr 2020

O xurado do VI Premio de Investigación Xermade na historia outorgou o primeiro premio á obra A aboreada das mázcaras. Estudo histórico e antropolóxico dos entroidos tradicionais de Xermade, presentado baixo o pseudónimo Lupus e que corresponde ao vigués Rafael Quintía Pereira, antropólogo, escritor e profesor de educación superior.

O xurado, que se reuniu vía telemática, destacou do traballo a rigurosa metodoloxía, "logo da gran tarefa de investigación levada a cabo".

Conforme coas bases do certame, o premio a conceder é de 2.000 euros e non haberá segundo. Xa o ano pasado o premio quedara deserto pola baixa calidade dos traballos presentados.

O xurado do Premio de Investigación Xermade na historia estivo composto por Roberto García Pernas, alcalde do concello de Xermade como presidente; José Manuel Felpeto Carballeira, presidente da Asociación de veciños de Cabreiros; e Ana Cabana Iglesia, Antonio Reigosa Carreiras e María Luisa Barreiro Mejuto como especialistas. Actuou como secretaria Lucía Guizán Trastoy, educadora familiar do Concello.

Rafael Quintía conta cun amplo currículo como investigador e especialista. Estudou Ciencias Económicas e Empresariais nas universidades de Vigo e Santiago, sendo licenciado pola de Santiago de Compostela. Posteriormente obtivo o título en Antropoloxía Social e Cultural na UNED e realizou o Mestrado Universitario en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanza de Idiomas, na especialidade de Ciencias Sociais, Xeografía e Historia pola Uvigo.

Traballa como antropólogo profesional. Foi membro fundador do Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca e tamén fundador e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA). E vicepresidente da Asociación Galega de Antropoloxía Social e Cultural (AGANTRO). Dirixiu a publicación Fol de Veleno. Revista de historia e etnografía de Galiza.

Ademais destacou como documentalista e músico tradicional e estivo moi vencellado ao asociacionismo e á dinamización sociocultural.

É profesor-titor de Antropoloxía na UNED nas materias de Antropoloxía da Relixión e Antropoloxía Económica no Grao de Antropoloxía Social e Cultural e tamén imparte Antroploxía cultural nos graos de Psicoloxía e Traballo Social.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17832112312317