As Pontes organiza un campamento de Semana Santa virtual

O Concello das Pontes abre hoxe o prazo para inscribirse nos campamentos gratuítos de conciliación familiar de Semana Santa. Este ano, debido á declaración do estado de alarma, o pasado 15 de marzo, as actividades desenvolveranse a través dunha plataforma online.

Tania Pardo, responsable da área de Igualdade sinala que “os campamentos de Semana Santa, que ven desenvolvemento desde fai anos o Concello das Pontes, teñen como obxectivo prioritario permitir ás familias do municipio conciliar a vida laboral, persoal e familiar. Este ano, coa maioría da veciñanza na casa, decidimos darlle unha volta ás actividades buscando facer máis doado as crianzas o confinamento durante o período de vacacións, ofrecéndolles unha alternativa de lecer baseada na transmisión de valores asociados coidado do medio ambiente, a igualdade de xénero, o respecto as tradicións, a saúde ou a alimentación saudable”.

Desde o xoves, 9 de abril, ata o luns, 13 de abril, as nenas e nenos que participen nestes campamentos poderán acceder, a partir das 11:00 horas e das 16:30 horas, a unha plataforma online, na que se publicarán pequenos vídeos con propostas de lecer en torno a diferentes temáticas tales como contacontos sobre igualdade, xogos de pistas sobre as parroquias das Pontes, coreografías para mover o esqueleto, un taller de bixutería de refugallo ou actividades de prevención contra a violencia machista e mesmo un taller de brochetas de froitas.

A edil remarca que “trátase dunha proposta de actividades coeducativas e de ocio dirixidas ás nenas e nenos de 3 a 12 anos do Concello de As Pontes, que ten como finalidade conseguir que adquiran unha maior autonomía e responsabilidade na organización do seu tempo libre pero tamén a adquisición de habilidades e destrezas que lles permitan fortalecer a autoestima, a asertividade, a igualdade, a tolerancia, a responsabilidade, a seguridade e a liberdade”

Todas aquelas familias interesadas en inscribir aos seus fillos/fillas nestes campamentos deben enviar un correo electrónico ao enderezo cim@aspontes.org indicando os seguintes datos:

Proxenitor/a: Nome e apelidos. DNI. Número de teléfono. Enderezo electrónico
Datos do menor: Nome e apelidos. Idade.

O prazo para inscribirse remata o mércores, 8 de abril, ás 15:00 horas.

Etiquetas