Skip to main content
ActualidadeCospeito

A UME desinfecta edificios públicos en Cospeito e Outeiro de Rei

Por 9 Abril, 2020Sin comentarios

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, anunciou que a Unidade Militar de Emerxencias (UME) volveu despregarse onte na provincia de Lugo, dentro da Operación Balmis de loita contra o virus do COVID-19, para realizar novos traballos de desinfección en distintas instalacións consideradas sensibles.

A subdelegada fixo este anuncio logo da xuntanza que mantivo no Centro de Coordinación Operativa da provincia na que se planificou o traballo para a xornada e aproveitou para agradecer a valiosa colaboración que están a prestar as Forzas Armadas, tanto a UME como a Brilat, para a protección da sociedade lucense fronte á pandemia do COVID-19.

Isabel Rodríguez explicou que a UME volve á provincia de Lugo, por segunda vez, desde a declaración do estado de alarma sanitaria. Na anterior ocasión, o día 24 de marzo, despregouse en seis concellos onde realizou labores de desinfección en centros sanitarios, residencias de maiores e noutras instalacións consideradas sensibles polo elevado número de persoas que se concentran nelas.

Na xornada de onte 61 efectivos da UME con 22 vehículos fixeron labores de desinfección en distintas instalacións situadas nos municipios de Lugo, Cospeito e Outeiro de Rei. Así, actuaron tamén en varias residencias de maiores, no Hula, nos centros de saúde de Muimenta e de Feira do Monte e na Casa do Concello de Cospeito, entre outros lugares.