O Concello de Guitiriz axudará na impresión de deberes escolares

O Concello de Guitiriz iniciou un servizo de impresión e entrega a domicilio de deberes, fichas, exercicios ou calquera tipo de documento que se necesite. Esta nova acción está dirixida especialmente aos escolares do municipio e tamén aos máis maiores.

Esta é outra iniciativa do goberno local para salvar a fenda dixital presente aínda nalgúns fogares, que se suma ao incremento das partidas de Emerxencia Social para facilitar o acceso a Internet a aquelas familias que o necesiten.

Neste caso o obxectivo é que todo o alumnado e tamén todos os maiores que participan nos obradoiros de memoria municipais poidan continuar levando a cabo as tarefas que se lles asignan a través dos seus programas lectivos.

Os interesados ou interesadas deberán comunicalo a través do correo info@concellodeguitiriz.como ou do teléfono 686 331 369, indicando que documento queren que se lles imprima. O reparto realizarase a través de Protección Civil ou do chofer do Centro de Día seguindo todas as medidas de prevención e hixiénicas que marcan as autoridades sanitarias.

A alcaldesa, Marisol Morandeira, explicou que “a través deste servizo pretendemos que en todas as casas poidan dispoñer do material necesario para desenvolver a súa actividade formativa e que esta non se vexa freada pola crise sanitaria que estamos a vivir”.

Etiquetas