Axencia de colocación

Friol crea unha plataforma online para vender os seus produtos

O Concello de Friol e a empresa local Enxeit puxeron en marcha unha plataforma de venda online na que autónomos e empresas do municipio poderán dar saída aos seus produtos durante estas semanas nas que non poden abrir fisicamente os seus negocios.

A tenda online, baixo o nome de Compra en Friol, non terá custo algún para os usuarios, pois está pensada para “axudar a moitos profesionais afectados polo complicado período económico”, subliña o alcalde, José Ángel Santos, que supón a pandemia do coronavirus. Así, ofrecerá ás empresas a posibilidade de comercializar os seus produtos “no noso país ou incluso no exterior”. Ademais, a plataforma seguirá dispoñible de maneira gratuíta máis alá desta corentena co obxectivo de potenciar o tecido empresarial de Friol.

Segundo resaltan dende o Concello, o proxecto comezou a funcionar grazas á colaboración da empresa friolesa Enxeit, cuxo campo de traballo é o desenvolvemento de software, servizos e produtos dixitais. Sandra, Jorge, Bruno, Jordi e Manu, todos eles veciños de Friol, son os nomes detrás desta compañía.

As empresas ou produtores interesados en vender os seus produtos a través deste sistema terán que darse de alta na propia páxina web. Poderán obter máis información no teléfono 637064024 ou a través do correo electrónico info@compraenfriol.com.

Segundo o rexedor, desde o equipo de Goberno “seguimos promovendo un plan de reactivación a curto e medio prazo, destinado a facer fronte ao impacto negativo que a situación do estado de alarma, xerado pola expansión de o COVID-19, está a provocar entre os autónomos e empresas do municipio.”

“Quero aproveitar para dar as grazas á empresa Enxeit pola colaboración e implicación para que dita plataforma online sexa unha realidade, como tamén agradecer unha vez máis o bo comportamento de toda a poboación friolense na aplicación e respecto de cada unha das medidas que se foron implementando para o efecto de frear a propagación deste virus”, comenta o alcalde.

Etiquetas