Axencia de colocación

O PP de Xermade solicita ao Concello medidas sanitarias e económicas

O Grupo Municipal do PP de Xermade solicitará no pleno do vindeiro xoves que “o Concello de Xermade promova as medidas sanitarias e económicas de cara á protección da poboación e o apoio das actividades empresariais máis prexudicadas no noso municipio”. Os populares presentan unha única iniciativa en forma de rogo en relación á crise do coronavirus porque cren que “esta situación require concentrar os esforzos neste tema”.

Así, os concelleiros do Partido Popular cederán a contía que lles corresponde pola asistencia a plenos e órganos colexiados do Concello durante o estado de alarma decretado como medida de contención ante a pandemia derivada do Covid-19 para contribuír “modestamente” a sufragar as actuacións que debe acometer a administración local para paliar os seus efectos entre a poboación do concello de Xermade.

O voceiro do PP, Antonio Riveira, considera que “o Concello debe aprazar e/ou suspender cobros de taxas municipais a aqueles negocios que permanecen pechados ao público que, carecendo de ingresos, non poden nin deben facer fronte ao pago de taxas por abastecemento de auga e recollida de lixo, IBI ou do imposto sobre vehículos”. Polo tanto, “é preciso regular ou modificar as ordenanzas para compensar esa falta de ingresos”, indica o popular.

Tendo en conta que “en Xermade vénse obrigados ao peche numerosos autónomos que dispoñen de locais comerciais de restauración, cafeterías e bares ou outros profesionais coma os da construción que, no seu caso, viron parada a súa actividade durante as últimas dúas semanas”; Riveira fai fincapé en que “o Concello debe paralizar durante o período no que se estenda o estado de alarma o cobro de impostos aos sectores afectados”.

Así mesmo, os populares consideran necesario aportar aos afectados axudas económicas dentro das posibilidades do Concello e pon como exemplos tanto ao Concello de Riotorto que asume as cotas dos autónomos empadroados e con actividade no concello durante o período no que deben permanecer sen actividade coma ao Concello de Lugo que tamén facilita subvencións dirixidas aos profesionais das actividades afectadas.

Material de protección
Sobre o material de protección, os populares piden ao Concello que “informe sobre a obtención do mesmo, que aclare o seu destino e que actúe con rapidez na súa distribución”.

Así, dende o Grupo Municipal do PP interésanse por coñecer se o Concello obtivo algún tipo de material pola súa conta ou por parte doutras administracións -coma a Deputación ou o Goberno central, que é o responsable da súa distribución como mando único- ou mesmo de aportacións de carácter privado”. Así mesmo, recorda Riveira que “a Xunta de Galicia, pese a non ter as competencias, ten doado ao noso concello nas súas primeiras entregas diverso material de protección de apoio para o noso concello: 1900 luvas de nitrilo, 1140 máscaras, 73 traxes antisalpicaduras, lixivia e xel hidroalcólico.

Os populares queren coñecer os criterios para o reparto do material entre a poboación de Xermade. A este respecto, convidan ao goberno local a tomar nota das actuacións levadas a cabo no Concello de Friol que “reparte máscaras e luvas entre os veciños para os casos de saídas con motivos xustificados ou asistencia aos centros de traballo que están abertos”.

Riveira explica que, tendo en conta que “os maiores son o grupo de maior risco e vulnerabilidade, pedimos extremar os seus coidados e as medidas para a súa protección”. Nese sentido, tanto os seus coidadores e coidadoras coma as auxiliares de axuda no fogar deberan recibir o material e preparación necesaria para evitar situacións de risco de contaxio. E, nesa liña, “queremos apoiar a decisión da Xunta de Galicia de reforzar este servizo con 113.000 horas na provincia para atender a persoas que non eran usuarias e poidan precisar a atención nesta situación excepcional, asumindo dende a administración autonómica o coste que correspondía ao usuario”.

Traballo e sesións plenarias telemáticas
Os populares solicitan, por outra banda, información sobre “as medidas para promover o teletraballo dos traballadores do concello e as medidas de axuda para outros traballadores nese senso”.

Trala convocatoria desta sesión plenaria -que non foi aprazada a pesar de non conter na orde do día asuntos de urxencia- e ante a posibilidade de celebrar o pleno de forma telemática, os concelleiros do Grupo Municipal Popular participarán na sesión da Corporación municipal por videoconferencia seguindo as recomendacións das autoridades sanitarias.

Etiquetas