Skip to main content
Actualidade

A Xunta reinicia as obras de ampliación de beirarrúas en Castro Ribeiras de Lea

Por 16 Abril, 2020Sin comentarios

A Xunta de Galicia reiniciou as obras de ampliación e mellora de beirarrúas na estrada autonómica LU-113 no municipio de Castro de Rei, en concreto nun treito de 1,2 quilómetros entre o casco urbano de Castro Ribeiras de Lea e as proximidades do cemiterio de Duarría.

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que se adoptan todas as medidas de seguridade necesarias, como o uso de mascarillas e o respecto das distancias de seguridade. As previsións apuntan a que os traballos poden estar rematados no mes de maio. Deste xeito, apuntou Balseiro, “as especiais circunstancias en que se desenvolven os traballos terían escasa incidencia no cumprimento dos prazos previstos”, en boa medida debido a que parte do período de suspensión da actividade por mor do coronavirus coincidiu coas vacacións de Semana Santa.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inviste 266.500 euros nestas obras, que supoñen a renovación integral das beirarrúas, incluíndo espazos de nova construción. Todos os treitos levarán un novo pavimento con baldosa hidráulica e con adaptacións que garante a súa accesibilidade para persoas con mobilidade reducida e tamén, grazas ao pavimento táctil, o uso por persoas invidentes.

O proxecto recolle varias medidas complementarias como é o caso da colocación de ramplas de acceso aos garaxes e propiedades particular e a mellora da sinalización vertical e horizontal, isto é das marcas viarias e sinais de tráfico. Ademais está incluída a reposición e, no seu caso o traslado á zona ampliada, de servizos como a iluminación pública, sumidoiros, arquetas, etc…

Finalmente os traballos inclúen a construción dun novo paso de peóns sobreelevado (que ata o momento non existía) para controlar a velocidade dos condutores no P.K. 4+270 (á altura da factoría do Grupo Sada) e a substitución das varanda e das barreiras de seguridade (biondas) existentes, para colocar novas no seu lugar.