Skip to main content
Actualidade

O BNG de Outeiro acusa ao alcalde de facer propaganda electoral coas máscaras

Por 20 Abril, 2020Sin comentarios

O BNG preguntará oficialmente, en canto teña ocasión, pola decisión de que foran os axentes electorais do PP os que repartiran casa por casa as máscaras que o Concello recibiu para darlle á poboación de Outeiro de Rei.

Para o BNG “non parece ético” que este traballo fora feito polas mesmas persoas que reparten os sobres coas papeletas cando hai eleccións, “van de interventores e apoderados do PP ou, mesmamente, reciben a adxudicación a dedo das obras e servizos do concello”. “Esta forma de proceder é unha utilización inescusable da crise orixinada polo Corona Virus para sacar rédito electoral”, continuou o concelleiro do BNG.

“Estas medidas imprescindibles de protección que chegaron a Outeiro, como son as mascariñas, terían que ser repartidas polo funcionariado do concello, segundo as necesidades de cada familia. Ademais, nestes tempos, teñen plena dispoñibilidade para poder facelo, polo que non ten sentido que sexan persoas non contratadas polo concello as que faga este traballo rompendo as normas de confinamento por este motivo”, explica.

Ademais, o BNG tamén preguntará en canto se recupere a normalidade dos plenos ordinarios, cal foi o motivo polo que en Outeiro se tardou tanto tempo en repartir estas mascariñas, cando nos concellos da contorna a veciñanza xa había varios días que as tiñan nos seus domicilios.

O BNG tamén vén de presentar unha solicitude para que o alcalde convoque unha reunión cos grupos da Corporación, ben sexa a través dun Pleno Extraordinario co sistema que ofreceu a Deputación, ou ben a través de calquera outro mecanismo que o alcalde considere oportuno.

Nesta reunión o alcalde debería informar a todos os grupos sobre cal é a situación sanitaria e social do concello, ademais de escoitar as propostas que os demais concelleiros temos para poder afrontar esta crise con máis garantías. Para o BNG as consecuencias desta situación poden ser moi graves e con moita transcendencia para a cidadanía, co que calquera proposta orientada a paliar o sufrimento da xente debería ser escoitada.

“Todos e todas formos elixidas pola cidadanía, ao igual que o alcalde, e nós cremos que estamos nun momento para que todos sumemos e fagamos propostas en positivo, non para intentar sacar tallada dos sufrimento da poboación, esa é polo menos a intención do BNG”, rematou dicindo Xosé Ferreiro