Un acordo do Goberno e Endesa permite manter o emprego na central das Pontes

O Executivo rubricou cos sindicatos e as compañías titulares de centrais térmicas do carbón un acordo para manter o emprego nas Pontes e Meirama. A través da Vicepresidencia Cuarta, que engloba o Ministerio para a Transición Ecolóxica, e o Ministerio de Traballo e Economía Social, produciuse a firma telemática das bases dos Convenios de Transición Xusta.

Ademais das ministras Teresa Ribeira e Yolanda Díaz, o documento foi rubricado polas empresas Endesa, Naturgy e Iberdrola e os titulares das secretarías xerais de CCOO Industria e UXT FICA. O documento recolle os compromisos de cada unha das partes para apoiar aos traballadores e os territorios das zonas afectadas polo peche de centrais térmicas. Os seus focos de actuación prioritaria son o mantemento do emprego nos territorios e a súa dinamización económica e industrial, ligados ao despregamento de enerxías renovables e outros proxectos.

Do delegado, Javier Losada, agradeceu ás partes o seu traballo para chegar a esta firma, que supón un novo paso para o mantemento da actividade en dous centros de traballo con moito peso en Galicia. Apostou pola “procura colectiva de solucións” para conseguir a conversión das centrais das Pontes e Meirama, de maneira que consigan manter a actividade industrial, xerar riqueza e, á vez, maximizar o coidado ambiental e lograr unha descarbonización xusta.

O delegado do Goberno detallou que as empresas asinantes comprométense ao desenvolvemento de plans de acompañamento para as zonas afectadas, aproveitando as oportunidades asociadas ás diferentes liñas de negocio que se identifiquen para cada territorio. De igual modo, traballarán para o mantemento do emprego mediante a recolocación dos postos directos e a priorización da contratación dos traballadores de empresas auxiliares.

O Goberno, pola súa banda, ofrecerá apoios para a realización dos Convenios de Transición e o mantemento do emprego para os traballadores afectados, a través de formación e plans de inserción. O Executivo comprométese a traballar na procura proactiva de investidores con proxectos que poidan localizarse nas zonas afectadas, tendo sempre en conta as características e as particularidades de Galicia.

Segundo o acordado polas partes, crearase unha Comisión de Seguimento que velará polo cumprimento do acordo e que estará conformada por un número idéntico de representantes da Administración Xeral do Estado, as empresas e as organizacións sindicais. Reunirase cada 6 meses de modo ordinario para coñecer os detalles relacionados coa marcha do acordo, e de maneira extraordinaria sempre que o solicite unha das partes.

O obxectivo prioritario destes Convenios é o mantemento e a creación de actividade e emprego nas comarcas afectadas polo peche de centrais térmicas de carbón, a través do acompañamento a sectores de actividade e colectivos en risco, a fixación de poboación nos territorios e a promoción dunha diversificación e especialización da actividade económica en coherencia co contexto socioeconómico. Supoñen a materialización da Estratexia para a Transición Xusta, que forma parte do Marco de Enerxía e Clima.

Etiquetas