Axencia de colocación

A Xunta pide medidas para evitar a entrada de leite foránea

O conselleiro do Medio Rural, José González, vén de remitirlle unha carta ao ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación, Luis Planas, para instar ao Goberno central a que convoque de forma urxente, e vía telemática, a Comisión de Seguimento do Acordo Lácteo. O obxectivo é buscar solucións que poñan fin á entrada de cisternas dende Francia e Portugal con leite de vaca e produtos lácteos a prezos por baixo dos custos de produción.

Na misiva, o conselleiro fala de prezos “baixísimos”, que apuntan claramente a unha venda a perdas. Unha circunstancia que, engade, está a distorsionar o mercado interno, provocando unha revisión á baixa do prezo dos novos contratos obrigatorios da primeira venda de leite entre as explotacións e os primeiros compradores.

Así, aínda que o titular de Medio Rural entende que ha de existir a libre competencia entre os diferentes elos da cadea alimentaria no espazo común europeo, destaca tamén que sempre se ha de preservar a rendibilidade de todos eles. Incluídos os produtores de leite en Galicia que, apunta, ven perigar a súa viabilidade económica por mor desta “práctica distorsionadora do mercado”.

Deste xeito, a Xunta non só insta ao goberno central a convocar a Comisión de Seguimento do Acordo Lácteo, senón tamén a adoptar outro tipo de medidas. Entre elas, trasladar á Comisión Europea a “urxente necesidade” de regular unha norma que mellore o funcionamento da cadea alimentaria, contemplando a esixencia de que cada operador deba pagar ao inmediatamente anterior un prezo igual ou superior ao custo de produción do produto obxecto da transacción.

O conselleiro do Medio Rural tamén lle solicita ao ministro de Agricultura que se intensifique a campaña de concienciación aos consumidores para que poidan ver a importancia de mercar produtos lácteos que deixen claro no etiquetado que son orixinarios de España.

Nesa liña, José González engade que cómpre levar a cabo unha serie de controis para verificar que as importacións en cisternas de leite e doutros produtos lácteos como o queixo non se etiquetan como se procedesen do estado español.

Etiquetas